venres, 23 de setembro de 2016

MORALES E O TEATRO DE VILAFRANCA (II)

Foto recreación. Morales no Teatro de Vilafranca. Montaxe realizada sobre unha foto
da Memoria fotográfca de un siglo de Santiago Castelao e un dos retratos de Fdez. Morales.

UN TEATRO ROMÁNTICO EN CONSTRUCIÓN  E OS SEUS ESTATUTOS

Héctor M. Silveiro Fernández


Unha das razois que nos moveron a escribir e publicar este traballiño sobre a Historia do Teatro en Vilafranca foi a de desterrar para sempre un mal entendido que sitúa a súa construción nos primeiros anos do século XX. O teatro en Vilafranca naceu no século XIX  e estivo onde hoxe se atopa, é dicir, no edificio do Consistorio municipal da Praza Maior, daquela Praza da Constitución. Polo tanto o Teatro Vilafranquino, lonxe de ser un espazo creado no ano 1905, como figura erroneamente nalgunhas publicaciois é unha creación romántica do ano 1843 como a continuación documentamos.
  Lendo varios traballos sobre o Teatro no Bierzo chamounos especialmente a atención o clamoroso erro cometido na VI. Antología de Escritores Bercianos, dedicada ao Teatro editada con ocasión da celebración da Feira do Libro do 2007 polo prestixioso Instituto de Estudios Bercianos. Na introdución titulada El teatro en el Bierzo (da que no se indica autor) fálase da Sociedade de Teatro Ponferradina creada no 1826, cuxa fonte é un artigo de Esteban e José Antonio Carro Celada. Tras esa referencia, debida ao estudio de Esteban e José Antonio Carro Celada,  curiosamente esquece citar a Sociedade de Teatro de Vilafranca (que tamén aparece no encomiable traballo dos irmáos anteditos). Finalmente cae no craso erro de afirmar con contudencia que a historia do Teatro Villafranquino se remonta a comezos do século XX  época na que foi construído.(13)

Parécenos curioso o proceder do autor, ou autores, desta introdución, tanto polo esquecemento como polo descoido cometidos, porque existían datos que desmentían ambas cousas e xa estaban publicados.  En concreto, a indicación da data de construción do Teatro vilafranquino está ligada á de construción do edificio do Consistorio, que o historiador Hernán Alonso sitúa no 1839, ano no que o municipio se dirixe á raíña rexente, María Cristina, para que, por unha parte, ceda o espazo do convento incendiado de San Francisco para cuartel e permita, pola outra, derruír o que ameaza ruína e empregar os materiais aproveitables na construción da nova casa Consistorial.  Permiso que foi concedido o 6 de agosto do mesmo ano. De todos os xeitos o historiador local tampouco procedeu con total claridade e cremos que malinterpretou outros datos manexados, como os que deixou no seu voluminoso dicionario Pascual Madoz “en la plaza de la Constitución, hecha de nueva planta en estos últimos años; tiene su archivo, secretaria y un espacioso salón de sesiones de 84 pies de long. y 28 de lat.; en el piso bajo existe un pequeño teatro aun no concluido del todo, y en el frente que mira al E. una acera de 90 pies de largo y 12 de ancho” o que leva a Hernán Alonso a dicir


noutra referencia “en esta plaza está el Ayuntamiento que se hizo en 1850. El teatro construído en su interior, no se concluyó del todo hasta 1905”(14).

Documento de 1905. Bases de accionistas para o arranxo do Teatro.

No proceso da nosa investigación procuramos contrastar estes datos e puidemos comprobar que en 1905 o que se acomete, a través dunha sociedade de accionistas, é unha remodelación do teatro xa existente e en uso. A documentación que se xerou naquela reforma non deixa lugar a dúbidas de que se trata dun arranxo. Por exemplo o título das bases para a constitución da sociedade de accionistas di: Bases para la constitución de un capital de Treinta mil pesetas con destino exclusivo al arreglo del Teatro de esta Villa, sito en la casa consistorial de esta misma (ver ilustración). Outro documento consultado recentemente no Arquivo Municipal, orientado polo arquiveiro municipal Abel López Molanes, confirma que a nosa argumentación é a acertada: o teatro estaba en uso antes do 1905. Entre os papeis manexados atopamos un “Reglamento del Teatro” dúas follas, en moi mal estado de conservación, asinadas en setembro do ano 1889 nas que se confirma que no seu artigo 1º El teatro pertenece en propiedad al pueblo de Villafranca; su conservación y administración corresponde al municipio, como representante legal del mismo. Un segundo documento mellor conservado está datado o 26 de outubro do 1881. Nunha especie de inventario no que se describen distintos locais do municipio e da Casa consistorial dise que se sitúa o teatro na planta baixa e se comenta sobre o estado de conservación do edificio que “es bueno, escepto el teatro, cuyo estado es bastante malo”. Pero camiñemos cara atrás no tempo.
  
Botémoslle un ollo ás obras do teatro da mao do noso autor. Deixáramos a Morales na Praza maior nun círculo de amigos formado polos responsables da preparación daquel espazo para o novo teatro e do proxecto da Sociedade do que xa lle falara o seu padre, o boticario. Tras invitalo a formar parte daquel proxecto, que, como non, aceptou gustoso, deciden entrar a ver as obras na casa consistorial. Na Vilafranca do 1842 esas obras, xa moi avanzadas, seguen a bo ritmo. Nas actas municipais puidemos comprobar que na sesión do 31 de decembro aparecen pagos a un mestre canteiro, Manuel Fdez, por facer o baldosado frontal do edificio e tamén o seguinte texto: “A  don Juan Pérez maestro carpintero por hacer el pino del foro del teatro, el baldosado del ante paso de dcho teatro y dar cal de recebo a todo el local desde la puerta pral, mil doscientos nobenta r. en q. se le ajustaron estas obras.”

Chegaría Enrique Gil a visitar este teatro en obras? Non sería nada inverosímil que efectivamente fixese algunha escapada a Vilafranca á casa dos seus amigos e compañeiros de estudos na súa vila natal posto que, como veremos, foron os que o invitaran a formar parte da Sociedade que se estaba xerando en 1842 e  porque, como dixemos, a preparación daquel espazo estaba en marcha. Para facermos unha idea máis precisa da implicación no proxecto do autor da violeta, debemos pousar a mirada por un momento na vida deses anos de Gil y Carrasco. Tras dos éxitos logrados nos anos 38 e 39 en Madrid, certamente convertido nun escritor recoñecido tanto pola boa acollida da súa poesía, como polo prestixio acadado coas súas críticas teatrais, o autor sofre un terrible parón.  A causa é a súa enfermidade,  que o leva a volver ao Bierzo convalecente por un tempo (do 5 de novembro a comezos do vrao do 1840). Daquela levaba, desde 1836, tres longos anos sen pisar a terra que o vira nacer. Será esta primavera do 40 na que comeza unha nova etapa creadora inspirada pola súa terra natal, na que a pesar de que confesa por carta aos seus amigos que se aburre e desexa volver á “infernal marabunda” madrileña, o seu xenio creativo lévao ao campo fecundo da narrativa.  Logo, aquelas afirmaciois non deixaban de ter algo de tópico, porque el non parece ser unha vítima do tedio. Nestes meses de convalecencia e repouso, traballa no deseño da súa primeira novela, e, ademais, redactará o prólogo desde Ponferrada para unha iniciativa editorial que puxera en marcha el mesmo, a edición das Poesías de Espronceda. Naquela longa estancia na comarca berciana non sería difícil que realizase algunha visita aos seus amigos vilafranquinos ou que fosen eles, especialmente Joaquín, o que se achegase ás orillas do Sil ao pé do Castelo templario, para visitar a un íntimo amigo enfermo. No vrao Gil volve a Madrid e reanuda a súa actividade literaria en prensa, precisamente coa crítica das poesías do seu amigo Espronceda cuxa publicación, en sinal de amizade co autor da Canción del pirata, anteporá á publicación por entregas da súa primeira novela que titulou El Lago de Carucedo. Grazas a Espronceda,  Enrique entra como funcionario na Biblioteca Nacional no mes de novembro do 40. Estábase a extinguir a súa vea poética. La caída de las hojas (publicada en El Iris, marzo 1841) talvez fora concibida como despedida da poesía comentan os entendidos. Escribíraa no outono, na súa estancia no Bierzo.   O seu traballo como bibliotecario facilitará seguir publicando na prensa, esta vez, artigos de crítica literaria ata que, en outubro de 1841 ao pechar a redacción de El Pensamiento, abandona a actividade periodística, comezando a preparar a documentación de dous traballos de maior envergadura. Uns meses antes, no vrao do 1841 volvera ao Bierzo e toma corpo a inspiración que permitirá abordar o comezo deses proxectos literarios que finalmente titulou El Señor de Bembibre e o Bosquejo a unha provincia del Interior. Un tráxico suceso, a morte de Espronceda en maio do 1842, vaino forzar a escribir uns sentidos versos, para logo afastarse da lírica e situarse definitivamente ás portas da prosa coa que xa viña facendo probas.  El Señor de Bembibre está moi avanzado.

En que momento se incorpora Gil ao proxecto da “Sociedad de Teatro de Villafranca”? Puido perfectamente ser na visita ao Bierzo daquel ano de 1842. Durante o vrao redacta o Bosquejo, como el mesmo documenta na visita a Peñalba e a Aquiana, no mes de agosto (15). Se as reunións previas á fundación da Sociedade foron realizadas aquel vrao, quizás tamén contaron coa presenza de Enrique pola influencia dese amigo vilafraquino e vinculado ao mundo do teatro que tivo que servir de contacto para que Gil se animase a participar e, non sería de estrañar, que dita iniciativa local buscase o asesoramento ou mesmo nacese da mente dese amigo de Gil. E ese amigo non pode ser outro que Joaquín del Pino,  que efectivamente tiña unha reputación literaria asociada ao mundo teatral, pois, se Gil era un dos críticos de teatro máis prestixiosos do momento, o seu íntimo amigo Joaquín,  compañeiro de estudos en Valladolid, agora tamén colaboraba coas súas propias críticas dos espectáculos que pasaban polos teatros de Madrid nunha pequena revista que saía dúas veces por semana chamada “El Entreacto”.  Non sería estraño que, se non foi redactado no Bierzo, o borrador de estatutos para a incipiente Sociedade de Teatro,  saíse das maos de Joaquín, que el mesmo o fixera chegar a Villafranca desde a capital madrileña, quizás tras realizar certas consultas co seu amigo Enrique, e coa finalidade de facelos funcionais para unha poboación como a vilafranquina ao adaptar certos elementos doutros estatutos consultados na Corte. Esa foi a ocasión que imaxinamos aproveitaría Joaquín para invitar a participar a Gil e implicalo no proxecto. (16)

A finais do ano 1842 todo estaba listo para poñer en marcha e dinamizar este espazo teatral na capital berciana. Así en xaneiro de 1843 nacerá a denominada “Sociedad de Teatro de Villafranca”. Os Estatutos desta sociedade foron editados pouco despois desta data, como  se di no propio libreto e certifica o seu secretario Antonio Santos Burillo: “despois de ser discutidos y aprobados en 26 de Enero de 1843”.   Esta pode ser perfectamente a data oficial de nacemento do noso teatro. Imos logo cos pormenores do documento.
Notas: (13)     De publicaciois como a citada logo se derivan outras na prensa escrita ou na dixital como a  que  tamén circula en concreto na Wiquipedia http://es.wikipedia.org/wiki/Teatro_Villafranquino, cando o Teatro vilafranquino xa existía dende mediados do XIX. Esperamos que dito erro coa documentación que aportamos sexa corrixido canto antes.
(14)     Pódense consultar as páx. 113 e 117 da Guía de Villafranca del Bierzo editada por Everest no ano 1984, cuxos textos son de Hernán Alonso.
(15)     Véxase J.L. Picoche Un romántico español, Enrique Gil y Carrasco na páx 46. Todas as referencias biográficas citadas anteriormente están tiradas tanto deste libro como da súa imprescindible e voluminosa tese doutoral, agás as referidas á Sociedade de Teatro de Vilafranca que o hispanista francés descoñece por completo.
(16)     Co obxecto de desentrañar os vínculos que unían a Enrique e a Joaquín e que resultan especialmente significativos para comprender determinados aspectos da biografía de Gil, estamos rematando a elaboración dun estudo que esperamos vexa á luz no último dos libros da Biblioteca Gil y Carrasco que tan acertadamente dirixe Valentín Carrera. Como precedente realizaremos unha pequena comunicación no Congreso Internacional Enrique Gil y Carrasco y el Romanticismo, cuxas sesióis terán lugar acertadamente no teatro vilafranquino.

Ningún comentario:

Publicar un comentario