venres, 30 de setembro de 2016

MORALES E O TEATRO DE VILAFRANCA (III)


OS ESTATUTOS DA “SOCIEDAD DE TEATRO DE VILLAFRANCA”

Héctor M. Silveiro Fernández


Trátase dun folleto coidadosamente editado con pastas que imitan cartón e que consta de 16 páxinas (ademais das tapas). Realizado na tipográfica de F. Arza da Coruña  na primeira folla, a modo de portada, di: “Estatutos de la Sociedad de Teatro de Villafranca del Vierzo. Año de 1843” . Esta dividido en 12 títulos e un apéndice ou anexo no que se fai unha “lista de los actuales socios” que, se cadra, resulta un dos apartados máis interesantes do documento, lugar onde aparece a data de 26 de xaneiro de 1843.

Se analizamos o contido do primeiro dos títulos: “Objeto de la Institución”,  ademais da “xerga” propia dun texto de carácter legal (non deixan de ser uns estatutos dunha asociación) detectamos refinamentos retóricos tipicamente burgueses e un certo aire liberal, como os que se respiraban a mediados do XIX nunha vila en auxe que seguía a reclamar a capitalidade de provincia: “La sociedad de Teatro de Villafranca del Vierzo, es una reunión de amigos dedicados por pura convicción a promover el gusto a este objeto recreativo, interesados unánimemente en su prosperidad”.

Son, si, un grupo de amigos, pero no seu título segundo especifica: “Conveniencia de estos Estatutos para la mejor organización de esta Sociedad. ARTÍCULO 1º   Es un axioma bien reconocido que una Sociedad de esta naturaleza carecería de su mejor emblema, sino tuviese por base necesaria un reglamento formal que debidamente la constituya, que dé vida ostensible al digno objeto que representa, que proteja, defienda y economice sus intereses propiamente suyos, que dirija su orden administrativo; y últimamente que fije a cada uno de los individuos de su asociación los deberes que respectivamente les conciernen en la precisa distribución de varios cargos que exije naturalmente el más acertado sistema en que debe constituirse un objeto de esta clase”

A imitación do novidoso espírito democrático que se respiraba na Corte, a Sociedade dótase dunha “Constitución legal, respetable e inviolable” que procurará polo tanto “favorecer en cuanto sea dable este ramo de culta civilización que tan útiles ventajas proporciona a todas las clases de la Sociedad, ya proscribiendo el vicio, inspirando virtudes y difundiendo un germen de ilustración común, ya sustituyendo el vacio del ocio y de la inercia, movimiento y ocupación recreativa que por su naturaleza imprime a la vez en el hombre perfecciones correspondientes a la dignidad de su ser” (este último texto entrecomiñas corresponde ao artigo 2º  do título 1).

A asociación reafirma con contundencia o seu interese público nun afán romántico que chega ao corazón e que vai máis aló dunha pretensión puramente ilustrada, como se evidencia na redacción do artigo 3º: “Será muy celosa en promover y adelantar cuanto conduzca a engrandecer este importante objeto de interés público: hará sentir en el corazón de sus compatriotas el amor y protección a tan laudable ocupación; y por último no perdonará medio de destruir cuantos obstáculos tiendan a entorpecer los agentes que constituyan su adelantamiento y prosperidad.” O teatro, en resumo, é un obxecto de interese público que propicia e garante a dignidade do ser, fronte ao ocio e a inercia, e que imprime virtudes e ilustración a todas as clases na procura dunha sociedade culta. Ese fervor romántico déixase ver, unha e outra vez, no documento nos frecuentes chamamentos a interiorizar sentimentos, como por exemplo, ao referirse aos socios “corresponsales”. Esta redacción quizás filla do carácter entusiasta de Morales ou de Joaquín e de Enrique, que sabendo das súas limitaciois á hora de participar da mesma, suxeriron semellante categoría de socios, que serán “los que residiendo fuera de la Villa se les conozca por amante y decididamente interesados en sus mejoras”.  Unha retórica semellante define aos socios en xeral “serán en todo tiempo personas de providad e ilustración”, cousa que tamén se desprende da filosofía altruísta, tan da época, dalgunha das “Disposiciones generales de la sociedad” que constitúen o título 12.  Así a disposición número 17ª di: “Ningún individuo de la Sociedad gozará sueldo ni gratificación, porque no hay recompesa comparable a la satisfación de contribuir al bien general.” 

Aínda que a iniciativa é particular, ten un claro sentido municipal como se demostra polas dúas ocasiois que se indica nos estatutos que quen presidirá sempre as reuniois da Sociedade será o “Alcalde 1º Constitucional de la Villa” na casa consistorial (17).


Efectivamente poderíamos pensar que o propio Alcalde foi seguramente un dos que se dirixiu oficialmente con este loable propósito a Fernández Morales e se cadra tamén a Enrique Gil, entroutros personaxes que nomearemos máis adiante, pouco antes de se facer realidade a Sociedade de Teatro. Pero, aínda que a súa constitución parece responder a un interese político da burguesía local, auspiciado ou non por residentes de fóra e amigos de Vilafranca, unha estratexia de fondo une aos seus socios: ser un elemento que reforza a potencial capitalidade provincial máis aló das distintas ideas políticas. É moi rechamante o interese por eludir o debate estritamente político para evitar suspicacias e tensiois innecesarias. O artigo 5º do título 4, que trata das xuntas, di: “Hablarán los Socios por su orden pidiendo la palabra al Director que no podrá negarla. Las disputas han de ser nobles, circunspectas, contraídas únicamente al objeto que la Sociedad se propone, sin penetrar en el campo vedado de la política y de las personalidades, porque cualquiera estravio que haya de la senda que la Sociedad se ha trazado, acabará por la de embarazar sus operaciones y destruirse asimismo.” 

Polo que podemos deducir da lectura dos Estatutos, a Sociedade era efectivamente a encargada de xestionar o Teatro de Vilafranca: “tendrá con toda independencia la facultad de dirigir, arreglar y disponer cuanto pertenezca al Teatro en su mejor orden, fomento y administración”(título 9º) e, ademais, a promoción da representación de obras propias, non impedía que compañías foráneas puidesen representar no mesmo espazo. Advertimos que dita xestión non a leva a cabo totalmente a través da súa Xunta directiva (que consta de sete membros e na que debe haber un Presidente, un Depositario, un Contador e, por suposto, un secretario que leva o curioso cualificativo de “archivero”, pois debe, entre outras muitas funciois, recoller coidadosamente os textos das pezas executadas (título 6º)). A Xunta directiva, que evidentemente se debe a unha Xunta xeral de socios, delega o seu traballo diario en dúas comisiois executivas: Unha chamada de Escena, e a outra, a de Maquinaria, cuxos membros están supeditados á anterior.

A Comisión de Maquinaria está composta por tres encargados que se ocupan, entre outras cousas, do garda-roupa, sendo entendidos “en todo lo material directivo y ejecutivo interior del Teatro, reuniendo algunos en sus conocimientos el de la delineación y pintura perspectiva” (titulo 11º). Sobre dita comisión recae a responsabilidade directa das visitas doutras compañías, como testemuña a 14ª disposición do título 12: “Si en alguna ocasión permitiese la Sociedad trabajar en el Teatro una o más compañías de espectáculos públicos, será incumbencia de los encargados de Maquinaria el tratar lo conveniente al efecto. Verificada la contrata pasará uno de dichos directores a entregar las llaves a los contratantes, formando a vista de los mismos un inventario de todos los útiles y cuanto pertenezca al local, el que firmarán dichos contratantes, quedando obligados a hacer entrega de todo al mismo Director de maquinaria, en el propio ser y estado que lo recibieron”. A importancia da outra comisión, a Comisión de Escena, queda claramente fixada nos Estatutos ao lle outorgar a capacidade para escoller as obras a representar e mesmo “hacer desaparecer de la escena todo viso de impropiedad” é dicir, exercer dalgún xeito de censores, responsables da “finura, compostura y delicadeza” das pezas. Debido ao peso e complexidade deste labor, os membros da comisión, ao estilo da máis vella usanza dos cónsules da república romana, serán dous que “en cualquier caso de discordancia recurrirán a la junta directiva para su decisión”. A elección destes dous Directores “que van desempeñar tan delicado encargo, recaerá en aquellos más señalados por sus costumbres en el Escenario, como son, pureza de lenguaje, acción, actitudes y modismos cómicos, ceremonias públicas nacionales y estrangera”(art. 1º do título 10º).

Ademais das habituais disposiciois duns estatutos sobre o regulamento de cobros e  calendario de xuntanzas, hai outras curiosidades que revela este documento sobre a xestión das funciois de teatro como a referida á venda de billetes. Parece deducirse que a concorrencia de numeroso público nun espazo onde hai asentos numerados destinados aos socios puidese aconsellar pechar o número de asociados, procurando evitar así conflitos nos días das representaciois, nos que acoden socios, actores ou actrices, ou mesmo os directores de escena, acompañados das súas familias. Estes señores e señoras terán o número de billetes que precisen con “toda preferencia en cada representación antes de procederse al despacho general de villetes” como consta “en la inscripción del libro de asientos, debiendo en caso necesario, sortearlos entre sí para evitar toda desavenencia”. Por unha banda, existe “un libro de asientos” onde hai que estar inscritos para ter garantía dun asento, e, pola outra, noméanse dous acomodadores para que cada persoa atope o seu sitio reservado, segundo o número de billete. Outramente, os estatutos tamén aconsellan “construir una arquita de madera a manera de buzón con dos llaves, cuyo uso será el de recibir los villetes de entrada al Teatro, que introducirán en ella los señores recolectores destinados al efecto los días de función”  (neses días “a las 9 de la mañana, la junta directiva nombrará dos espendedores para los villetes, siendo de cargo de la misma disponer su recolección en el acto de la entrada, igualmente que el hacer recojer los de asiento antes de concluirse la función”.

A Sociedade fai constar tamén entre as súas necesidades indispensables “la organización de una parte de música de cuerda, desde luego se propone la protección de este interesante ramo, costeando con fondos del Teatro” procurando “despertar la afición en los jóvenes inclinándolos a esta parte lírica anexa a las funciones del palco Escénico”. Como un medio curioso de financiamento, a Sociedade proponse adquirir unha “imprenta portátil” coa que se poderán “imprimir toda clase de convites y otros documentos necesarios...un servicio de tanta utilidad al Teatro y al público”.

Finalmente, faise mención ao distintivo da Sociedade na disposición 16ª “un sello de figura elíptica, en cuyo vértice inferior se leerán estas palabras: y seguirán por la línea curba las siguientes: poniendo en el alma del escudo una Ceres coronada de espigas o varios atributos alegóricos al Teatro.”  As últimas disposiciois fixan a residencia en Vilafranca, reiteran a presidencia do Alcalde Constitucional das xuntas a realizar na Casa consistorial e aparece unha relación de nomes a continuación dunha data, a do día do antigo Patrón da Vila (18) que entendemos serían, en sentido estrito, os socios fundadores, os 20 presentes na discusión e aprobación dos estatutos:

Villafranca del Vierzo 20 de Enero de 1843.__ Jacinto Meneses._ Ramón Valcarce y Núñez._ Vicente Terrón._Fernando Galarza._ Tomás Fernández Garrido. Agustín Pío Téllez._Joaquín Saavedra._ Manuel  Quevedo._ Victoriano Enríquez._ José Pablo Fernández._ Ramón Iglesias._ Aniceto de Landejuela._ Alejandro Balbuena._Nicolás Herce._ Ramón Abaunza._ Isidoro Ovalle._ Pedro Ovalle._ José Juan de Cancelada._ Antonio Pérez._ Antonio Santos Burillo.

Detalle do documento dos Estatutos.
Como consecuencia, claro está, da mentalidade da época non se cita a ningunha muller, aínda que a Sociedade, coa mesma filosofía machista e decimonónica, marxina literalmente ao xénero feminino, mesmo á hora de distribuír os impresos dos Estatutos que se repartirán entre asociados e público en xeral, iso si, imprimindo aparte  “unos Diplomas sencillos destinados a Señoras, en los cuales la Sociedad les consignará su espresiva complacencia por sus servicios y desvelos en obsequio de los intereses y prosperidad del Teatro.”  Xa noutros lugares do documento que comentamos, outorgábanselle ás mulleres, por parte da Xunta Directiva, determinadas tarefas seguindo os criterios dos costumes imperantes da época como reza o artigo 2º do Título 9º: “Será de sus atribuciones la elección de una señora adornada en virtudes y conocimientos útiles, a quien se entregue esclusivamente el cuidado de las jóvenes Señoritas que actuen en la Escena, su entera direción en el cantado, declamación lírica y más ramos anexos”  e tamén dedica un artigo no título dos Directores de escena os que se preocuparán de “las atenciones, gracias y obsequios debidos a las Señoras que actuen en la Escena”.
              
       Nesta listaxe asinan os mesmos que logo aparecen na lista de socios. En 1843 houbo efectivamente un revés moderado liberal de aí que os nosos estatutos se preocupen de que todos os sectores da sociedade da vila estean presentes, en especial, os seus círculos de poder. Aquela tarde do 20 de xaneiro concluía unha serie de debates que comezara talvez cando Ramón Abaunza dera o aviso ao alcalde de que xa tiña nas maos o borrador que lle entregara Joaquín del Pino, o seu cuñado, e redactaran xuntos Enrique e mais el. Tomás Fernández, o pai de Morales e tamén Isidoro Ovalle foron os encargados entusiastas de convocar á reunión fundacional nas salas do propio Consistorio. Na xuntanza acordaron quen serían os cargos directivos ademais de aprobar os estatutos e a súa publicación nunha tipográfica da Coruña, xestión da que se encargarían de supervisar ben D. Juan de la Mata Alvarado, ou ben Luis Toledo, residentes naquela cidade.

A Sociedade de Teatro imita a outras sociedades existentes en capitais referenciais e coñecidas para algún dos seus promotores vilafranquinos. Valladolid e Madrid están na mente de todos, unha como centro da Corte, a outra como destacada capitalidade provincial onde a vida teatral presenta un vigor particular. Pero é evidente que, detrás desta iniciativa, o principal motivo é o de procurar para a nosa vila “os honores de ciudá” como diría Morales que camiñan á par do desexo de lograr a capital de provincia perdida e sempre soñada. Temos que ter en conta que pola súa parte ese mesmo soño o tiña Ponferrada e esa pendencia teimuda entre os bercianos do XIX fomentará unha carreira na que, esta última, levaba certa vantaxe. Contaba cun espazo teatral avellentado adxunto ao cárcere que finalmente en 1841 se debe desaloxar e unha “Sociedad de Teatro de Ponferrada” como acreditan os irmaos Carro Celada, autores dun interesante estudo do Libro desta Sociedade que vai desde a fundación en 1826 ata o ano 1861. Neste estudo se ofrecen os pormenores da construción dun novo teatro que se deberon con toda seguridade acelerar ao saber que Vilafranca se dispuña a inaugurar o seu en 1843. De aí que sexa este mesmo ano no que se inicien as obras sen demora para que os ponferradinos conten cun novo espazo escénico no “tramo de San Agustín desde el mediodía” do que P. Madoz dirá: "Un teatro construído de nueva planta en 1845 con tres órdenes de palcos sostenidos por columnas de hierro colado."  por aquela sociedade ponferradina de teatro pasará en distintos momentos personaxes tan coñecidos como Pascual Fernández Baeza, José Fernández Carús, Isidro Rueda, Mateo Garza ou Lorenzo Fuertes, todos eles cun perfil claramente liberal. Non podemos asegurar que tivera algún contacto coa citada Sociedade o propio Gil y Carrasco, aínda que os autores do traballo así o aventuran dicindo, sen máis detalles nun parágrafo algo confuso, que nas súas actas consta o seu nome e sinatura, cuestión que polo de agora non puidemos constatar (19).
Parece, iso,si, que o irmao de Enrique, Eugenio Gil, figura na junta directiva sendo o seu presidente Antonio Valdés, en 1857, ano no que ademais se documenta unha colaboración coa “Sociedad de Teatro de Villafranca” que se produce cando anuncia esta última a súa intención de asistir en masa á representación “Isabel la Católica”. Os ponferradinos deciden ofrecer asentos e entrada gratuíta aos asistentes vilafranquinos como mostra do “buen deseo de armonía que anima a Ponferrada con su vecina Villafranca”.

Dando un repaso a actividade teatral do século XIX, comprobamos que as iniciativas dramáticas das dúas vilas máis importantes do Bierzo non son unha excepción, León, Zamora, Valladolid (20) tamén experimentan un fervor semellante ao longo do século. Así, postos a imaxinar como serían os recursos cos que contaban estes espazos culturais,  consultamos traballos como León y su actividad escénica en la segunda mitad del siglo XIX, unha tese doutoral de Estefanía Fernández García (1997) na que aparece un curioso inventario do “Teatro Principal” de León tamén chamado “del Ayuntamiento” que, segundo parece, ocupaba o espazo do antigo “Patio de Comedias” e que desaparecería a comezos do século XX (1919). Cítase este teatro casualmente en 1843 no que o empresario Vicente Fernández solicita permiso para realizar obras de mellora sendo logo inaugurado no 1846 como indica Madoz que o sitúa na de Praza San Marcelo ao lado da casa municipal (21). Tamén naceran teatros en Astorga, Valencia de Don Juan e La Bañeza.  Este estudo pode dar unha idea dalgunhas das compañías que puideron encher a escena berciana, e, en concreto en Vilafranca, das que non puidemos atopar outras referencias. Aínda que Ponferrada non conserva o edificio do seu teatro romántico, como fixo Vilafranca, resulta moi interesante a información que se conserva do libro de actas da súa “Sociedad de Teatro” valiosa información coa que non contamos no caso do teatro vilafranquino.



A LISTA DE SOCIOS DA SOCIEDADE DO TEATRO DE VILAFRANCA

Un anexo aos Estatutos, que se corresponde coa derradeira folla do documento, aporta unha serie de nomes (véxase a ilustración) dos que tentaremos facer un breve comentario, pois a lista resulta especialmente significativa e esclarecedora dese ambiente político e cultural que respiraba a antiga capital do Bierzo e promovía esta actividade.

                Baixo o epígrafe:  LISTA DE LOS ACTUALES SOCIOS enuméranse 42 socios aos que se suman outra  con  9 “socios corresponsales” distinguidos persoeiros, entre os que figuran D. Enrique Gil e D. Antonio Fernández Morales. Aínda que está por determinar un plano detallado das relaciois que mantiñan Gil e Morales cos demais socios que aparecen citados no documento da Sociedade de Teatro, é evidente que esa relación existía e que había intereses comúns que os movían a todos eles ata o punto de apoiar unha institución de grande importancia para a vida cultural e proxección desta vila berciana que seguía aspirando a ser cabeza dunha provincia, actividade que, como é ben sabido, non pasaba desapercibida máis aló da contorna.  Que a lista de “socios corresponsales” foi meditada e estaba ben pensada e deseñada, non cabe ningunha dúbida. Parece obvio que nela non podía faltar Gil y Carrasco, por ser o autor máis destacado da vila e do Bierzo nese momento, o que indica ademais que o escritor non renegaba, como se ten afirmado, da súa vila natal. Pero, por que aparece inmediatamente despois Fernández Morales? Ganduxemos as hipóteses de por qué o noso capitán con 26 anos de idade está na lista, por que contaron con el? Unha primeira e principal causa certamente é ideolóxica: ser un destacado activista do liberalismo; outra,  sería a literaria, en realidade está ben próxima a anterior, podémola intuír, pero seguramente o Morales escritor, aínda non despuntara. Finalmente, a súa brillante carreira militar a ninguén pasaba desapercibida.

 Seguindo o rastro destes fíos observemos certos pormenores de interese sobre esta lista de socios que nos permitan certificar o que dicimos, non sen antes advertir que nos deterémonos só nunha parte dos 42 socios citados.

 O primeiro dos nomes, o que encabeza a lista, é o Alcalde de Vilafranca, recentemente elixido na liña do liberalismo moderado ao igual do que rexentaba o poder na Corte. Non é casual que sexa o primeiro, na propia lista indícase con maiúsculas o seu cargo: D. Jacinto Meneses, PRESIDENTE. A seguir, os tres nomes dos cargos directivos que non pertencen á Corporación municipal: D. Agustín Pío Téllez, CONTADOR, D. Antonio Santos Burillo, SECRETARIO e D. Manuel Díaz Maroto, DEPOSITARIO, que resultan ser destacadas personalidades e, máis cedo que tarde,  ocuparán cargos de peso en distintos postos relevantes. Agustín Pío Téllez era deputado provincial nese momento e, pouco tempo despois, no ano 50, aparece acompañando a Tomás Iglesias Barcones, home este natural de Vilafranca e abade da súa Colexiata, que chegaría a bispo de Mondoñedo (antes de ocupar máis altos cargos) cara a onde se despraza ao parecer acompañado do propio Agustín Pío Téllez que exercerá de profesor do Seminario Mindoniense e,  do que sabemos que, un ano despois, sería secretario do Gobernador eclesiástico eilí mesmo. Por outro lado, Antonio Santos Burillo, o secretario arquiveiro da Sociedade de Teatro, nese mesmo ano 1843, estaba a promover precisamente unha institución de ensinanza na vila. Na acta municipal del 15 de febrero de 1843 di: “ Se leyó con el mayor gusto la esposición q hacen a este ayuntamto los sres. D. Pedro Ildefonso Oballe, abogado de los Tribunales nacionales (tamén incluído na lista de socios) y D. Antonio Santos Burillo, profesor de matematicas, revelando la ilustrada idea de constituir en esta villa un estableciento de enseñanza que abrace bajo una misma dirección la Instrucción primaria,  la de  Latinidad y la secundaria.”  O Depositario da Sociedade Manuel Díaz Maroto era administrador de rendas desta vila, como consta nas actas municipais do ano 43. Lembremos que no ano 1842 participara na cea co Infante Francisco de Asis pois daquela ocupaba o cargo de comandante da Milicia. A aquela cea tamén asistira como invitado o seguinte na lista,  D. Ramón Valcarce y Núñez, que nas actas municipais da vila parece estar no goberno municipal, ademais de ser tenente da Milicia Nacional. nunha listaxe dos individuos para facer o servizo á milicia Nacional de Infantería desta vila en 1838 aparecen citados, entre outras moitas persoas, practicamente a totalidade dos 42 socios (22). 

A partir deste nome non sabemos con precisión se a lista segue unha orde lóxica. Non garda a orde alfabética, non sinala ningún tipo de cargo ou distinción, parece unha serie de nomes caprichosa que ben puidese seguir un criterio tan simple como o da inscrición no rexistro de socios. O perfil dos socios  é o esperable: profesiois liberais, ligados ás milicias e ao goberno municipal.  Así o seguinte será D.Vicente Terrón y Molée, un doutor que antes de exercer na nosa vila foi o autor dun artigo Sobre la tos ferina y la angina membranosa e parece estar destinado en Cebreros (Ávila) que é onde asina a columna do Boletín de Medicina, Cirurjía y Farmacia de 1836 (nº 87 editado en Madrid).  Logo vén Fernando Garlanza, que pertencía ao ramo da xudicatura, era avogado e xuíz de primeira instancia (tamén ligado ao xulgado vilafranquino está outro dos socios que se cita máis abaixo Antonio Pérez, promotor fiscal), e  a seguir está Tomás Fernández Garrido,  o sétimo da lista de socios. Trátase do pai de Antonio Fernández Morales. Ademais de boticario, era membro da Milicia e non nos cabe a menor dúbida de que foi un dos impulsores  máis entusiastas da iniciativa. Tal er ao seu interese que logrou finalmente, que o seu fillo, ausente da vila, estivese involucrado na Sociedade.  O seguinte na lista é Joaquín Saavedra Ossorio un home moi influínte, outro destacado militar liberal que sabemos dirixe a milicianos vilafranquinos contra a facción valdeorresa de Os Carballos de 14 homes interceptados en Visuña 1834, colaborador durante dous anos do axudante do Capitán Xeral de Galicia, Francisco Sánchez Gil, e a súa Compañía de Cazadores asentada na vila para dar resposta ás liortas carlistas (23). Por suposto, el tamén estivo o 10 de xullo de 1842 na cea co Infante D Fco. de Asís María, que pernoctou na vila o día 11 de xullo. Hai persoeiros que pasarán pola alcaldía de Vilafranca e mesmo serán  deputado provinciais, como Ramón Abaunza; homes que veñen participando da política local como Manuel Quevedo, membro da corporación municipal no ano 1842 e avogado acaudalado, Aniceto de Landejuela, un dos rexedores do goberno da vila, Alejandro Balbuena, tamén membro da corporación anos despois e está igualmente o actual secretario da corporación, Carlos  Pérez y Novo.

Entre os socios sinalamos a continuación a dous senlleiros persoeiros, dos máis firmes partidarios da capitalidade da Provincia para Vilafranca. Efectivamente as actas municipais do ano 1842 e 1843 deixan constancia do vigor deste “asunto de la capitalidad” para o que se segue convocando aos “notables”, recíbense adhesións con intención de sumar territorios á nova provincia, como por exemplo a do “Ayuntamiento de Caldelas”, realízanse diversas xestiois fóra da vila  como as que se agradece fixeran entre outros “los sres diputados  Mauricio García y Román Obejero”, ou do pronunciamento do Capitán General de Galicia, ademais do  “arzobispo de Valencia, Pelegrín José Saavedra” quen precisamente formará parte do elenco fundacional da Sociedade de Teatro.  É por iso polo que é doado establecer unha  relación entre esta iniciativa teatral e a de facer posible e afianzar esa aspiración dunha provincia para o Bierzo.  O primeiro dos personaxes a destacar é Apolinar Suárez de Deza, señor de Láncara, que daquela comeza a destacar nas filas do moderantismo local. Suárez de Deza participara directamente, durante a rexencia de Espartero en 1841, na defensa da capitalidade de Provincia para Vilafranca concorrendo á solicitude co apoio da comarca de Valdeorras onde tiña gran influencia.  Logo chegará a ser senador provincial, no ano 44-45, nas prazas do Senado que lle correspondían á provincia a títulos nobiliarios afiliados ao sector moderado. A influencia de Suárez de Deza aumentaba daquela coa adquisición de bens desamortizados no Bierzo. Isto parece indicar que as vellas familias nobiliarias e fidalgas da provincia retoman un papel protagonista no plano político do que permaneceran ausentes durante os tres anos anteriores. A derrota total dos progresistas, tras o movemento revolucionario de outubro dese mesmo ano de 1843,  xunto co control absoluto das instancias locais,  permitirá este xiro conservador do réxime liberal.

O outro personaxe é Santiago Capdevila que xa no ano 1842 formaba parte da corporación municipal como rexedor sexto, á que se incorpora no mes de abril como certifican as actas municipais, por non podelo facer antes, debido a súa estancia en Barcelona. Era un comerciante de panos que se instala na Praza da Constitución con Ignacio Herrero no 1834. Era esa burguesía activista que se implica e que abraza a causa da capitalidade para Vilafranca como queda patente pola súa pertenza á Sociedade de teatro en 1843, pero tamén porque lidera o asunto da capitalidade anos máis tarde no bienio progresista (1854-55), cando os sectores conservadores comezan a ver no aillamento da comarca un xeito de manter os seus privilexios.


Ademais de militares liberais, de convencidos provincialistas, os rendistas máis ou menos moderados e os sectores puxantes da burguesía local, podemos incluír entre os socios do Teatro a certos intelectuais locais entre os que sen lugar a dúbidas destacaríamos a Isidoro Andrés Ovalle, que coñecemos como autor de varios artigos xa na década dos 60 en El Esla e tamén polo seu poema Recuerdo a Puentedeume (en dialecto berciano), aínda que en 1843 era un recente licenciado que acababa de chegar de Valladolid onde estudara Leyes.

(IR Á SEGUINTE)


(17))     O goberno municipal, como se pode comprobar actas municipais do 1842, vén de sufrir unha transformación adaptándose ao moderantismo en voga no país.
(18)     O antigo patrón de Vilafranca era San Sebastián, se ben é certo que estaba a piques de nacer unha nova festa patronal que daría lugar, pouco máis tarde, a unha serie de funciois teatrais asociadas a esta festa e aos cuantiosos gastos que se sufragaban, en parte, con representaciois no teatro como podemos comprobar nas páxinas nas que se analiza a orixe e evolución das festas do Cristo no libro Palillos de madeira, os xigantes de Vilafranca del Bierzo, anteriormente citado.
19) No texto publicado no nº16 da revista Tierras de León, os autores, os irmaos carro Celada, comezan afirmando que Enrique Gil morrera en 1845, data que é inexacta. Logo non ofrece ningunha precisión, cousa que parece estraña polos detalles que si aparecen noutros momentos e que finalmente, nos fan dubidar da certeza e correcta lectura do documento neste punto que queda pendente de contrastar no orixinal do Libro de actas de la Sociedad de Teatro de Ponferrada, ao que non puidemos acceder lamentablemente.
(20)     Narciso Alonso Cortés realiza un estudo moi notable da actividade teatral da Valladolid do XIX.
(21)     Facemos referencia das páx 71-72  e da páx. 84 da tese citada: León y su actividad escénica en la segunda mitad del siglo XIX, de Estefanía Fernández García (1997).
(22)     Hai que indicar que neste mesmo ano de 1843, o 20 de outubro, a Milicia Nacional se mobilizaría cara ao Hospital de Órbigo e León. Esta mobilización ten que ver coa decisión da coalición antiespartarista de proclamar a maioría de idade de Isabel, en canto esta cumpriu os trece anos, en outubro de 1843, iniciándose así o seu reinado efectivo. A Milicia Nacional desde os sucesos de 1836, na caída da Rexente María Cristina en beneficio de Espartero, participara habitualmente contra as sublevaciois moderadas, en especial, contra o pronunciamento moderado de 1841 e contra o restablecemento do moderantismo nese mesmo ano de 1843. Sería seguramente a causa de que narváez decidira a súa disolución, encomendando máis tarde as súas tarefas á Guardia Civil, un corpo militar creado pouco despois.

(23)     Datos que proporciona Miguel J. García González na pax. 151 da Historia del Bierzo editada polo Diario de León e o Instituto de Estudios Bercianos no ano 1994.

Ningún comentario:

Publicar un comentario