
O TEATRO ROMÁNTICO DA CAPITAL HISTÓRICA DO BIERZO
E OS SEUS SOCIOS FUNDADORES ENRIQUE GIL E FDEZ. MORALES
Héctor M. Silveiro Fernández
Entrando logo na villa
franca, garrida, sencilla
que honores ten de ciudá,
un castillo hacia Castilla
o viaxeiro atopará.
Atopará dulce trato,
que regale seus deseos;
tertulias, bailes, boato,
café, teatro, paseos
e cuanto pode ser grato.
Villafranca
y a vendima.
Traballando para unha comunicación na celebración do 150 aniversario da publicación dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861) no transcurso das sesións da VI Escola Fermín Penzol (1), que xirou arredor da figura de Antonio Fernández Morales, foi cando atopamos, e logo demos a coñecer, un novo vínculo deste pouco difundido cantor do Bierzo coa nosa vila e co seu teatro: o de ser un dos seus fundadores. Quixeramos dedicarlle pois, a este gran poeta este pequeno texto e, na súa homenaxe, escribilo no dialecto que utilizou nos seus poemas, ademais de facer uso do mesmo pola convicción e compromiso persoal con esta lingua histórica do Bierzo, que el reivindicou con valentía, a pesar de ser desprezada por muitos, sabedor de que constitúe unha das fontes da nosa riqueza patrimonial máis poderosa, parte esencial da idiosincrasia e sinal de identidade da nosa comarca. Aínda hai outra razón máis. Este texto, hoxe reformulado, estaba pensado para ser publicado nun número anterior da Revista de Estudios Bercianos, pero daquela chegou tarde. Ao demorarse a súa edición, emprendemos unha nova redacción que resultou coincidir no tempo coa celebración do Ano romántico, cando toda a comarca lembra a Enrique Gil, ese relevante home das letras bercianas que como unha pertinaz sombra parece perseguir e ocultar o brillo do cantor do Bierzo en galego, Fernández Morales, a quen inicialmente dedicaramos en exclusiva este artigo. A figura do autor cacabelense volveuse a ensombrecer, unha vez máis, ata o punto de ter que compartir a dedicatoria deste traballo con Enrique Gil y Carrasco. Para lograr logo un difícil equilibro no que a omnipresencia de Gil, o cantor do Bierzo en castelán, impida eclipsar a espléndida figura do cantor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano, optamos pois por manter o uso desta última fala no presente escrito.
A historia do Teatro no Bierzo atópase a todas
luces incompleta, pouco estudada e lixeiramente desenfocada. Isto ocorre, en
gran medida, polo tratamento desafortunado que, ata o de agora, veu recibindo
en diversos estudos e aproximaciois existentes que puidemos ler e nas que se
fala con desatino do Teatro e das artes escénicas en Vilafranca. Parten de dous
erros: descoñecer a antigüidade do noso teatro e ignorar a existencia dunha
Sociedade de Teatro na vila, que aínda que naceu con posterioridade a existente
en Ponferrada, mantense esquecida a pesar de que a vila do Burbia e o Valcarce
diferénciase da capital do Sil por ter conservado en activo o seu teatro romántico
ata os nosos días, posto que o teatro romántico ponferradino, coetáneo do noso,
desgraciadamente desapareceu nos anos sesenta do século XX. Con este traballo
quixemos comezar a corrixir ese desequilibrio notorio a través da posta en
valor que trata de aportar documentación sobre a fundación deste elemento
patrimonial e cultural tan destacado do Bierzo como é o Teatro Vilafranquino.
Desde a súa creación, coma un corazón cultural moi sensible ao sentir dos
bercianos, marcou o latexar desta vila e da contorna ao longo de máis de dous
séculos e medio. Os seus sentires e pesares, fixéronse presentes enriba do seu
escenario, onde tiveron lugar desde 1843 unha chea de grandes festexos,
celebraciois e loas. Servirán estas
palabras de memoria agradecida aos seus fundadores.
Finalmente manifestaremos un desexo: este espazo
cargado de historia ben podería levar o nome de Enrique Gil y Carrasco, non
tanto por ser o poeta e novelista romántico natural da vila máis coñecido, como
por ser un dos mellores críticos teatrais da época asentado en Madrid e, á vez,
figurar como socio fundador da denominada “Sociedad de Teatro de Villafranca”.
Puntualicemos esta última aseveración. Gil figurará entre os socios desta
sociedade grazas a un amigo seu que, así mesmo e en xustiza, debemos lembrar
como un dos promotores desta loable iniciativa. Deste personaxe, do que, polo
de agora, emulando certas tramas teatrais, teñan a amabilidade de permitirnos
non desvelar o seu nome, adiantaremos xa que a súa amizade ten gran
transcendencia á hora de reinterpretar a biografía do autor da violeta (asunto
que como poden supoñer non pode ser obxecto central do presente traballo). Non
cabe dúbida de que o feito de que Enrique Gil pertenza a dita Sociedade
vilafranquina desminte, unha vez máis, todo o dito e escrito acerca da
“antipatía” cara á vila na que nacera e da que reiteradamente falan autores tan
prestixiosos como J.L. Picoche ao que neste punto emendamos humildemente.(2)
![]() |
Aspecto actual do Teatro de Vilafranca do Bierzo. |
A VILAFRANCA QUE VEU NACER UNHA
SOCIEDADE DE TEATRO
O documento central que nos moveu a escribir este
apuntamento para a Historia do teatro no Bierzo remítenos a 1843, mediados do
século XIX. Son os “Estatutos de la
Sociedad de Teatro de Villafranca” nos que aparecen como socios
precisamente os autores xa citados, Enrique Gil e Fernández Morales. Foi a
casualidade a que trouxo ata as nosas maos este e outros documentos que gardan
unha estreita relación coa vida política e cultural de Vilafranca do Bierzo, e
os que nos van permitir realizar esta pequena e particular aproximación á
historia local desta vila a través do seu teatro (3).
Lembremos que como consecuencia das guerras napoleónicas e as novas
ideas que se respiraban en toda Europa, a Vilafranca señorial do Marquesado
entra no século XIX, época convulsa e aberta a cambios, acariñando o soño de
ser capital de provincia. Como é sabido, no Trienio Liberal chegouno a ser por
pouco tempo e de xeito un tanto circunstancial. Era tempo de reivindicaciois e
promoción de sociedades. A pouco coñecida Sociedade Patriótica de Vilafranca en
1820 solicitara unha Universidade para a vila, e xa antes, a notable presenza
dos abades constitucionalistas da Colexiata, anunciaban que algo estaba mudando
e que, aquel soño provincial para o Bierzo e Valdeorras, podía ser realidade. A
desaparición dos señoríos, o impulso do comercio e das comunicaciois eran
necesidades obvias a reivindicar pola burguesía. Non é de estrañar que un home
como o pai de Enrique, Juan Gil, buscase acomodo neste lugar que aspiraba a
convertese en capital e que nel presenciemos a evolución dese absolutista
convencido cara a posiciois liberais, movido polo interese de chegar a ser
nomeado tesoureiro da nova e recentemente creada “Diputación Provincial de
Villafranca” (4).
A fortaleza das conviciois dos veciños desta vila
amosouse no destacado núcleo liberal capaz de resistirse coas armas á entrada
dos realistas que, a pesar de todo, conseguirían restaurar a Fernando VIII. Coa
volta ao absolutismo, o trono deu pulo as inevitables persecuciois ideolóxicas
e purificaciois, tamén o soño daquela vila liberal foise ao traste. Logo, á
morte do monarca, complícase o conflito coas guerras carlistas que a situaron
claramente no bando Isabelino e liberal,
combatendo o Carlismo con afouteza e, máis tarde, comezou un proceso
lento de transformación e de disputas entre progresistas e moderados, onde, a
pesar de todo, a arela da capitalidade une a varias xeraciois de nativos e
residentes interesados na prosperidade de Vilafranca e do Bierzo. Entre aqueles novos residentes está a
familia de Antonio Fernández Morales, como veremos. Mediado o século, esta poboación non se
desprenderá das súas ambiciosas aspiraciois, nin dese espírito romántico, dado
ao emocional e apaixonado. De ambos sentires participarán os nosos autores, Enrique
e Antonio, e os dous darán testemuña escrita do seu compromiso. É o momento no
que nace a Sociedade do Teatro.
Antes de introducirnos de cheo no retrato desa
época que latexa cunha emoción palpable no propio documento, centro de interese
deste traballo, cremos interesante reparar brevemente nos antecedentes da
actividade dramática na vila do Burbia, volvendo a vista cara atrás. Para elo
botaremos mao doutro texto que nos aporte luz sobre os momentos previos á
localización do Teatro Vilafranquino na actual Praza Maior.
OS PRECEDENTES: ACTIVIDADE TEATRAL ANTERIOR AO SÉCULO XIX
Cando Antonio aínda era un estudante de Filosofía
no Seminario astorgano, baixo da tutela do bispo liberal D. Félix Torres Amat,
o mozo xa destacara como sarxento da Guardia Nacional en Cacabelos onde
residira desde moi pequeno e entre xogos, cantos e contos comezara o seu
coñecemento da fala popular do Bierzo. Comezaría ao pouco a súa formación
militar en Valladolid, sendo destinado máis
tarde na infantería do Exército do Norte (Tui, Coruña...). Sabemos que aquel novo e flamante capitán
residiría por tempadas en Vilafranca. Efectivamente o poeta vive nesta vila
intermitentemente na casa dos seus padres a longo da década dos corenta do século
XIX, como recentemente confirmamos grazas a un dos restauradores da súa
figura, J. A. Balboa de Paz. Esta
capital histórica e cultural con toda seguridade foi unha fonte de inspiración
evidente para varios dos seus poemas (5).
Aquela mañá, Antonio saíra da casa cunha sensación
reconfortante. Gozaba dun permiso e, tras dun longo tempo fóra do Bierzo,
camiñaba dende o pontón da Barburiña cara á Praza Maior da vila. Os seus padres
instalaranse había pouco nesta “villa que
honores ten de ciudá” como un síntoma máis da prosperidade, das perspectivas
e afáns da familia, que tivera anteriormente unha botica en Cacabelos e que
trasladaran de aló para eiquí. Era día de feira e a praza do Campairo xa estaba
chea de verduras, legumes, leña e palla, as rúas e as tabernas estaban moi
concorridas. No medio da Praza da
Constitución Fernández Morales foi abordado por dous bos amigos do seu padre, D.
Joaquín Saavedra e D. Manuel Díaz Maroto, influentes señores da política local
coñecedores da valía daquel flamante capitán, liberal e isabelino. Tras dun caloroso saúdo de benvida iniciaron unha conversa afable. Antonio soubo que viñan de
compartir, había só uns meses, o pasado 11 de xullo de 1842, unha cordial e
distinguida cea na vila: nada máis e nada menos que coa S. M. o Infante D.
Francisco de Asís, ao que ofreceran un refresco e aloxamento na casa de D.
Antonio María Toledo (6).
Aquelas persoas relevantes na vida política e
cultural da vila e da provincia, promotores da capitalidade da vila, aos que
tamén se sumaron Ramón Abaunza e o seu cuñado, D. Joaquín del Pino,
recentemente chegado desde Madrid, íanlle propoñer acto seguido formar parte da
súa Sociedade de Teatro. Faláronlle entón de establecer unha categoría de
socios correspondentes, á que se acollería para pertencer á Sociedade, dados os
períodos nos que estaba ausente por mor do seu servizo no Rexemento de
Infantería e seguros de que a súa carreira militar aínda lle gardaría máis
importantes destinos que o afastarían do Bierzo longas tempadas. Polo que se ve, a súa personalidade, gustos
literarios (talvez o escoitaran recitar xa algún dos seus poemas) e calidade
humana, non pasaban desapercibidas en Vilafranca.
A vila, aínda que realmente fora por pouco tempo
capital da Provincia chamada de Villafranca (7) de feito, seguira exercendo
como tal para toda a contorna e con ese vigor romántico persistira nesa
disposición política pilotada dende o propio goberno municipal. Albergaba efectivamente unha interesante vida
política e económica, á vez que unha substanciosa actividade cultural. Só temos
que botar unha ollada, como faremos un pouco máis adiante, aos Estatutos
citados para constatar unha nómina importante de autores que coinciden por
estas datas no seu teatro. Pero volvamos
ao noso capitán, que é moi posible tratase de saber no seu faladoiro, os
pormenores das obras do novo teatro e do acondicionamento do edificio da Casa
Consistorial que se estaban acometendo e, curioso como era, preguntaríalles
onde se facían representaciois teatrais de vello, se existían outros espazos na
vila onde se representaran comedias con anterioridade.
Os
precedentes inmediatos á localización do teatro na Praza Maior aparecen
documentados de xeito indirecto nun pequeno documento de dúas folliñas que
tivemos ocasión de consultar a través dunha copia mecanografada, seguramente
por Alberto Álvarez de Toledo, non hai moito tempo (8). Nesas follas descríbese
a evolución da propiedade e usos do edificio que os veciños hoxe coñecemos como
“Hotel Comercio”, un edificio que xunto a súa horta e anexos ocupan unha
importante superficie e un lugar destacado e extenso dentro do casco histórico
de Vilafranca. Aínda que leva xa uns anos pechado como establecemento
hostaleiro, sería o hotel máis antigo da vila. A súa antigüidade está
constatada nun rótulo que presenta na súa entrada principal: HOSTAL COMERCIO: CASA FUNDADA EN EL S. XV.
![]() |
Entrada do Hostal Comercio |
O documento
antedito indícanos que Gómez Ares de Valcarce, que efectivamente viviu no
século XV, legara estas propiedades a súa filla Dª María de Valcarce, como
consta no seu testamento que data de 1525. O home desta, Juan Freire de
Andrade, viúvo xa, redacta o seu testamento no ano 1548, dispoñendo ambos
esposos que este edificio pase a mans do seu fillo, Luis Freire de
Andrade. Pouco despois, o 18 de novembro
de 1552, Luis Freire de Andrade vendeullo a D. Fadrique Álvarez de Toledo
Osorio, terceiro Marqués de Vilafranca, inmoble que aparece no documento de
compra-venda conxunto así descrito: “unas
casas principales con su huerta y corrales y lagar y todo lo a ellas anejo y
perteneciente, que yo tengo y poseo, mías propias en la Villa de Villafranca,
junto a la fortaleza de ella y que han por linderos, de la parte de arriba, la
dicha fortaleza y por las traseras la cerca de dicha Villa y fortaleza, y por
delante la calle pública que llaman del castillo…”
As propiedades pasan en 1573 ao irmao do padre do
Marqués Don Fadrique, que se chamaba Juan Álvarez de Toledo e, logo, ao segundo
fillo, tamén de nome Juan, quen en 1599 llelas arrenda por seis anos ás monxas
da Nª Señora de la Laura para as que a duquesa de Alba e irmá do quinto Marqués
de Vilafranca, Dª María Álvarez de Toledo y Colonna, pretendía fundar un
convento na vila. Transcorridos eses seis anos comezará un litixio ao querer
manter ás monxas neste espazo. Finalmente as relixiosas tiveron que marchar a
Valladolid onde se funda un mosteiro co mesmo nome, que aínda existe.
Namentres, a propiedade vilafranquina da que estamos a falar, permaneceu
primeiro como vivenda dos descendentes de Juan Álvarez de Toledo e da súa
esposa, Juana de Castro, ata que foi arrendada cara 1650 para diversos fines
como ser usada como depósito de sal.
Entre os usos varios deste gran edificio, aparece
un espazo, sen precisar en detalle, dedicado a teatro. Estamos falando do
século XVII, século no que o teatro era un xénero amplamente estendido e
popular (9). A pesar das poucas referencias que se teñen algunha constancia
puntual temos de representaciois na Colexiata de carácter paralitúrxico e
outras realizadas dentro do ciclo de festexos anuais, tipo Corpus ou
semellantes(10). Contamos, por outro lado, cun relatorio que máis adiante
comentaremos que enuncia as datas nas que se programaban habitualmente
espectáculos en Ponferrada “Carnaval,
Pascua de Resurrección, La Feria de Mayo, Fiestas de la Encina y Fiestas de
Navidad”. Podemos supoñer que en
Vilafranca, de xeito semellante, se programarían representaciois nesas datas,
cambiando as festas e feiras locais, claro está, que tamén na nosa vila terían
que sortear por igual os problemas para representar sen censura, pois o bispo
de Astorga outorgaba licenza para a realización de funciois teatrais coa obriga
de gardar a compostura e de contribuír, cos cartos que se recadasen, a un ben
público da localidade ou a beneficencia, sendo supervisado este proceso polas
autoridades locais. É de destacar polo tanto a dependencia que tiñan das
autoridades eclesiásticas estes festexos.
En todo caso, e volvendo ao edificio do Hotel
Comercio en 1835, a casa da que era arrendatario un tal Ángel Gerbolés (11) sufriría
un aparatoso incendio. Sabemos, polo documento antes citado, que este señor non
tiña arrendada a bodega onde “antes estuvo el teatro”. Logo, antes
do século XIX, a actividade teatral en Vilafranca está documentada e tiña un
espazo escénico de referencia do que, polo de agora, non contamos con máis
testemuñas.
Precisamente
cara ao Hotel Comercio anos máis tarde, no mes de marzo de 1847, camiñaba
Antonio. Antes de entrar polo seu portalón e subir as amplas escaleiras,
lembraría aquela conversa tida anos atrás na praza e que lle viñera á cabeza ao
observar as grandes portas que daban aos baixos daquel edificio onde se
representaran as obras teatrais en tempos pasados. Certamente, Fernández Morales acariciaba a atrevida idea de publicar
algún dos seus ensaios dramáticos que por
mero entretemento levaba a cabo nas
súas horas de ocio, e aquel día, a través dunha carta de recomendación,
dirixíase a un dos encontros transcendentais da súa vida como autor, segundo
confesaba el mesmo (se facemos caso das indicaciois, un tanto literarias de
Ramón Carnicer). Ía entrevistarse naquel Hostal co eminente frenólogo Mariano
Cubí, que eilí se hospedaba, e grazas ao que nacería, tempo despois, a creación
poética en galego do Bierzo de Morales. Morales no Prologo da súa obra editada
en 1861 e escrito en castelán di del: “
Tampoco hubiera llevado a cabo la composición de los que ahora me hacen
quebrantar aquel propósito, si para ello no hubiera sido vivamente estimulado
por mi excelente amigo, el eminente frenólogo y filólogo D. Mariano Cubí y
Soler, cuando en años ya remotos tuve la inapreciable satisfación de conocerle.
Las reiteradas, honoríficas deferencias de marcada estimación y cordial afecto
con que me ha distinguido siempre y mi tan vivo como justo deseo de
complacerle, sirvanme ahora de escusa siquiera para abordar unha empresa que,
si bien quizá sencilla y facilmente accesible a las ricas dotes y admirables
facultades intelectuales de cualquiera de nuestros distinguidos poetas
contemporáneos, ha dado en mis manos el pálido resultado ya previsto,
corroborando en el terreno de la práctica mis previas desconfianzas y fundados
temores.” (12)
Nós pensamos que efectivamente aquel libro vería á
luz grazas á amizade de Morales co frenólogo catalán nacida naquela visita ao
Bierzo, pero tamén é de subliñar que foi decisivo o contacto fluído que dende
1847 e, polo menos, ata a publicación dos Ensayos
poéticos de Morales en 1861, mantiveron por vía epistolar. Isto pode
intuírse pola introdución que incluía o libro editado en León e que tiña 35
densas páxinas que foron redactadas polo propio Mariano Cubí despois de
intercambiar correspondencia e coñecer así unha serie de composicións e o
catálogo de voces que conforman o poemario. Cremos ademais que en 1847 o
controvertido personaxe deu unha charla na vila do Burbia non sendo estraño que
o fixera no propio Teatro, aínda que deste acto non se nos conserven referencias
documentais. Faise tamén obvio que na década dos 40 os veciños da vila sabían
que Morales era, nos seus ratos libres, poeta e que gustaba do xénero dramático
(se cadra tamén fixera algunha obriña pois el mesmo fala da existencia de
“ensayos dramáticos” seus). Esta última afirmación está contrastada coa súa
pertenza á Sociedade de Teatro villafranquina da que falaremos a continuación.
( IR A SEGUINTE)
Notas: (1) Nacera a raíz da nosa comunicación, aínda inédita, titulada : Morales e o Rexurdimento do galego no Bierzo que tivo lugar no transcurso da VI Escola Permanente Fermín Penzol que organizou a Universidade de Vigo e que se desenvolveu entre o 7 e 8 de outubro do ano 2011 nas localidades de Cacabelos e Ponferrada. Debemos indicar (xa que é o centro de interese deste traballo) que lamentablemente non se realizou ningunha sesión do evento no teatro de Vilafranca debido a unha torpeza dos organizadores e das autoridades locais.
Notas: (1) Nacera a raíz da nosa comunicación, aínda inédita, titulada : Morales e o Rexurdimento do galego no Bierzo que tivo lugar no transcurso da VI Escola Permanente Fermín Penzol que organizou a Universidade de Vigo e que se desenvolveu entre o 7 e 8 de outubro do ano 2011 nas localidades de Cacabelos e Ponferrada. Debemos indicar (xa que é o centro de interese deste traballo) que lamentablemente non se realizou ningunha sesión do evento no teatro de Vilafranca debido a unha torpeza dos organizadores e das autoridades locais.
(2) A nosa comunicación no próximo Congreso Gil y Carrasco que se desenvolverá a partir do 15 de xullo
do 2015 na súa vila natal e que logo, de xeito itinerante, pasará por Bembibre
e Ponferrada, terá precisamente como fío
condutor a traxectoria en paralelo de ambos bercianos e pretende desentrañar a
transcendencia da amizade destes dous personaxes, que ata o de agora era, en
gran medida, para os estudosos pouco relevante como consecuencia de descoñecer
a súa verdadeira dimensión.
(3) Habitualmente, Morales utiliza o nome de “Villafranca”,
así como tamén a palabra “villa”, pero seguindo os criterios de coherencia
filolóxica que levaron ao Padre Sarmiento a usar a grafía procedente do dobre
-ll- latino, como un -l- simplificado, por exemplo para dicir “vila” ou
“Vilela”, do mesmo xeito, nós usamos a de “Vilafranca” seguindo ao polígrafo erudito natural do
Bierzo e nacido nesta vila. Tamén evitamos usar os apóstrofos típicos do XIX que
usaba Fdez. Morales así como unha chea de castelanismos e formas verbais que
regularizamos. Colocamos acentos gráficos cos criterios do presente século
conservando os plurais en –ois e as palabras acabados en –ao.
(4) Nun artigo moi interesante e revelador titulado: Una nueva mirada sobre la vida y la obra de
Enrique Gil y Carrasco, publicado no
2001 en edición do Archivo histórico parroquial de la Basílica de Ntra. Sra. de
la Encina, o seu autor, Vicente Fernández Vázquez, fai referencia a un litixio
que logo acredita cun apéndice documental onde personaxes sinalados do liberalismo
de Ponferrada acusan a Juan Gil dun desfalco dando conta da súa peculiar
traxectoria vital e o seu paso por Vilafranca “en donde fue (cuando aquella villa era capital) individuo de la
sociedad patriótica y solicitó la tesorería de la Diputación Provincial,
destino que no obtuvo por falta de fianza...” . os feitos aos que se fai
referencia ocorren entre os anos 1820 ao 1823, xusto antes de instalarse toda a
familia de Gil en Ponferrada, onde ten lugar dita denuncia que se produce,
varios anos máis tarde, no ano 1831.
(5) Botamos en falta unha boa biografía deste autor e
tamén queda por abordar a súa obra desde
diversas perspectivas, a pesar de que contamos xa, grazas ao IEB, cunha
importante reedición dos seus Ensayos
poéticos en dialecto berciano en 2003, que inclúe aportes moi
significativos de J.A. Balboa, Anxo Angueira e Rosario Álvarez. Agora que xa
sabemos que foi posible, preguntámonos se coincidirían en Vilafranca ambos
cantores do Bierzo, Enrique e o noso capitán
(só dous anos máis novo que Gil) nalgunha desas estancias temporais. Quizais
nunca podamos saber se esa circunstancia se deu, pero podemos imaxinar que de
producirse este encontro, mesmo terían algunha conversa de carácter literario
digna de escoitar.
(6) As actas municipais pertencentes a ano 1842, que se
conservan no consistorio vilafranquino e que puidemos consultar por deferencia
da actual Alcaldesa de Vilafranca Conchi López Blanco e Concelleiro de Cultura
Luisma P. Gaztelumendi, certifican e detallan o paso pola vila do Infante na
data antedita.
(7) A Provincia que se chamou de Villafranca e que foi
proclamada no 22 de xaneiro do 1822, a pesar de que foi derrogada meses
despois, tras o regreso do absolutismo, oficiosamente se prolonga ata a nova
configuración do Estado aprobada no ano 1833.
(8) Pensamos que esta copia foi realizada nos anos 90 do
século XX e que lla fixo chegar ao meu pai, Héctor J. Silveiro Ares, a raíz
dalgunha das súas conversas sobre a historia local, un dos temas favoritos nas
dilatadas charlas e azarosos encontros de ambos interlocutores.
(9) O Século de Ouro da literatura dramática castelá con
autores tan prolíficos e coñecidos como Lope de Vega.
(10) Citadas nas páxinas 37, 38 e 39 do libro da nosa autoría Palillos de madeira. Os Xigantes de
Vilafranca do Bierzo editado pola Asoc.
Cultural Escola de Gaitas no ano 2010.
(11) Que se dá a casualidade de que é un familiar meu, dos
máis vellos que coñezo por vía materna.
(12) Con este tópico da humilitas ou de captatio
benevolentiae, o noso autor recoñece no Prólogo a insistencia decisiva de Mariano
Cubí para que a obra fose editada. Por outra parte, no segundo poema do libro
que lle dedica afectuosamente a Cubí, Morales descóbrese efectivamente un
escritor xa en galego berciano a altura do ano 1847, pois o poema coincide co
seu paso por Vilafranca, como documenta Ramón Carnicer no seu ensaio sobre o
controvertido personaxe editado no ano 1969 en Barcelona baixo o título “Entre la ciencia y la magia de Mariano
Cubí”, dedicando todo un capítulo a súa estancia en Vilafranca. Ese
capítulo, o número 12, foi confeccionado, como confesa Carnicer con máis
retranca que rigor, consultando unha única fonte bibliográfica: QUINDóS, Fermín: Memorias (manuscrito
inédito en poder del autor). Carnicer faise
eco tamén das palabras do propio Cubí na introdución ao libro que “enfáticamente, hace constar que acaso el
berciano habría nacido, vivido y muerto como individualidad idiomológica sin
tener ningún monumento escrito, a no haber él incitado Fernández Morales a
escribir sus ensayos poéticos”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario