martes, 17 de maio de 2016

NUMEROSAS PERSOAS DA CULTURA NO BIERZO SOLICITAN Á ACADEMIA O DÍA DAS LETRAS PARA MORALES

NO DÍA DAS LETRAS DO 2016

Amancio Prada, J. C. Mestre e un numeroso grupo de bercianos e bercianas do mundo da cultura solicita nun escrito dirixido á Academia Galega o próximo Día das Letras Galegas para  Antonio Fernández Morales.

Un representativo e coñecido grupo de bercianos e bercianas, escritores, artistas e persoas ligadas á cultura asinan unha nova petición conxunta dirixida á Academia Galega solicitando que se lle dedique a Antonio Fernández Morales o próximo Día das Letras Galegas.

Varios son os argumentos que acompañan a esta solicitude e que se trasladarán a un próximo Plenario da Academia Galega no que se debaterá a proposta. O primeiro que se resalta é o valor intrínseco do libro Ensayos poéticos en dialecto berciano e que é equiparable en calidade ao doutras obras de autores galegos contemporáneos se ben esta obra excepcional, desafortunadamente interpretada pola crítica galega foi esquecida ata os anos 90 nos que foi rescatada por historiadores bercianos como José Antonio Balboa e estudosos da filoloxía e da literatura galegos como Rosario Álvarez e Anxo Angueira.


Morales seguindo o modelo de Sarmiento, trata de facer da tradición unha fermosa creación literaria baseada nesa fala natural das súas xentes, das máis humildes. Levado polo amor que demostra pola fala dos bercianos do XIX, o poeta no prólogo dunha obra non pequena (falamos de varios miles de versos) comenta no tocante ás súas intenciois: “legar á posteridade” certos costumes do Bierzo para “dar unha idea rica do subdialecto que nel se fala” recoñecendo o seu uso desde tempos remotos e afirmando que “o berciano é un subdialecto do galego” que “non está en exercicio entre a clase culta da sociedade berciana, quedando relegado ao exclusivo dominio das masas”.

Compre salientar que é, sen dúbida, un dos mellores cantos que se teñen escrito á terra berciana no século XIX, pero que a figura de Morales permaneceu oculta tamén no Bierzo debido ao cantor destas terras en castelán, Enrique Gil. Os Ensayos poéticos de Morales encóntranse entre os primeiros do movemento literario chamado Rexurdimento, escritos e editados no ano 1861, aínda que será dous anos despois cando dá comezo oficialmente dito movemento, precisamente un 17 de maio de 1863, data na que se publican os Cantares Gallegos de Rosalía. Parece recomendable a incorporación de pleno do noso autor nunha actualización da visión integral do Rexurdimento no seo da Historia da Literatura Galega.

O Bicentenario do seu nacemento en 2017 ofrece unha oportunidade innegable para promover e investigar sobre a súa figura, non o suficientemente divulgada e/ou coñecida, destacando o aporte lexicográfico que a súa obra conten. É unha gran ocasión para afondar na riqueza patrimonial común que supón o recoñecemento e a incorporación de xeito decisivo deste aporte berciano á Literatura e á Lingua de Galicia, un tesouro cultural que compartimos e do que nos sentimos, tanto os bercianos como os galegos, sinceramente orgullosos.
Esta celebración axudaría a andar o camiño da consideración da fala natural das xeraciois pasadas de bercianos e tamén de milleiros de persoas do Bierzo do século XXI, pais e nais que escollen voluntariamente que os seus nenos e nenas estuden a lingua de Morales e de Rosalía na escola, tras da súa incorporación ao ensino en colexios e institutos (máis de mil familias) e procurar novos espazos para o galego no Bierzo. Por iso se reclama da Real Academia Galega que dea deste xeito un paso máis na defensa do galego no Bierzo, que está atravesando unha situación verdadeiramente dramática ao ser o territorio con maior perda de falantes, ante a cal o propio Consello de Europa aconsella intervir con novas propostas que dinamicen o uso da lingua galega, tal como indica recentemente o Informe para a Carta de Linguas Rexionais e Minoritarias de Europa.

Esta solicitude dirixida á Academia, que xurdiu nas pasadas Xornadas Martín Sarmiento celebradas en Vilafranca o mes de marzo, foi canalizando un importante número de adhesións a través da rede xunto a outras iniciativas que se divulgan no blog grupo As Medulas para a lingua e culturagalegas no Bierzo. A petición está concitando tamén un notable interese das administraciois locais e comarcais entre as que se conta co apoio do Presidente do Consello Comarcal e dun importante número de alcaldes bercianos: Cacabelos, Vilafranca, Carucedo, Corullón, Balboa, Barxas, Trabadelo... aos que se seguen sumando día a día bercianos e galegos.


Asinan, entre outros, este escrito:
 Amancio Prada, músico; Juan Carlos Mestre, poeta; César Gavela, escritor; José Antonio Balboa, historiador; Carmen Busmayor, escritora; Valentín Carrera, xornalista e editor; Emilio Silva, escritor e presidente Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica; Alberto Canosa, Asociación Berciana da Lingua Xarmenta; Ester Folgueral, poeta; Miguel Varela, director do Teatro Bergidum; Elena Soto, poeta; Manuel Cuenya, escritor; J.A. Robés, fotógrafo; Ricardo López Témez, xornalista; Mar Palacio, docente e presidenta do Instituto de Estudios Bercianos IEB; Héctor Silveiro, da Comisión Cultural Martín Sarmiento e académico correspondente polo Bierzo da RAG; Fermín López Costero, escritor; Francisco Macías, editor; Santiago Macías, escritor; Toño Nespral, músico e membro da asociación ecoloxista A Morteira; Marisa Cela, directora da Escola Municipal de Música e fundadora da Escola de Gaitas de Vilafranca do Bierzo; Isidro Canóniga, fotógrafo; Manuel González Prieto, grupo As Médulas para a Lingua e Cultura galegas do Bierzo; Xabier Lago Mestre, membro do Colectivo Cultural Fala Ceibe; Xurxo Lobato, fotógrafo e académico da Real Academia Galega de Belas Artes.
 Ver a nova en Bierzodiario. La Nueva Crónica e tamén saltou aos medios galegos como Praza Pública

venres, 6 de maio de 2016

Siro López caricaturiza a Morales

Faise necesario difundir a vida a obra de Antonio Fernández Morales. Sabemos que é un autor en gran medida descoñecido que precisa dese esforzo colectivo que hoxe comeza con esta caricatura súa que acaba de anunciarse publicamente polos seus promotores a través do grupo Médulas para a Lingua e a cultura Galegas no Bierzo. Invitámovos logo a que a coñezades, pois a cousa non remata coan esta nova imaxe, sorprendentemente fresca do noso autor. A caricatura é de Siro López o coñecido humorista gráfico e ensaista que xa conta cunha longa listaxe de retratos de autores das Letras Galegas. Dende este blog dámoslles as grazas ao debuxante e tamén aos promotores desta proposta creativa de apoio á candidatura das Letras Galegas para Antonio Fdez Morales 2017.