venres, 15 de xullo de 2016

A personalidade literaria do Bierzo en xogo: De Enrique Gil a Morales

Hoxe, hai 151 anos, nacía Enrique Gil en Vilafranca, un dos autores que  mellor define literariamente ao Bierzo. Lembramos con agrado que hai un ano estábamos en pleno Bicentenario deste autor  considerado como selo da personalidade literaria da comarca.  Por outro lado, tan só hai uns días a Real Academia Galega desestimaba a candidatura que  propuña  a Antonio Fernández Morales para o Día Das Letras Galegas do 2017, coincidindo co ano do seu Bicentenario. Este bicentenario que  no Bierzo esperábamos comezar dalgún xeito con esa proclamación, lamentablemente non cobrou o eco singular  desexado  nos actos que o Consello Comarcal organiza para festexar  o seu 25 aniversario.  Cremos sinceramente que a personalidade literaria do Bierzo está coxa se os bercianos non somos capaces de situar a Fernández Morales  a un nivel  semellante  ao de Enrique Gil. Este é un importante reto.
 O Bierzo vai ter ocasión de contrastar, en pouco tempo, dous bicentenarios, os de dous autores que, sen lugar a dúbidas, definen a identidade berciana e se complementan irremediablemente. O do Bicentenario do 2015, o de Enrique Gil, tras un esforzo inxente de colectivos e de persoas concretas, logrou marcar un antes e un despois  no que destacamos a  aparición e difusión da Biblioteca Gil y Carrasco, é dicir, a reedición revisada e actualizada das súas obras completas grazas ao seu editor Valentín Carrera, que loitou tamén por realizar un Congreso Internacional sobre o Romanticismo e o noso autor, ao que temos que engadir outras ediciois destacables, numerosos actos, exposiciois e charlas (muitas delas promovidas polo IEB)  que actualizaron a súa biografía, reafirmaron o seu apego á terra tanto sentimental e literario como a súa ligazón, digámolo así, máis política ao provincialismo berciano, mesmo deu o seu nome ao teatro vilafranquino. Non podemos esperar  menos doutro Bicentenario que se achega, o do 2017, o de Morales, que vén sendo o cantor do Bierzo que  coa intención de ofertar un legado lingüístico e cultural para o futuro  publicou milleiros de versos na fala popular do Bierzo nun fermoso e voluminoso conxunto de poemas, aínda descoñecidos para unha inmensa maioría de bercianos, sendo esta difusión e divulgación unha das primeiras metas a bater.
Temos pois unha gran oportunidade para que os 25 anos da nosa comarca logren asentar unha personalidade literaria integral que ademais do discurso culto evocando a paisaxe melancólica do Bierzo medieval de castelos e mosteiros que entendemos representa Gil en castelán, sexa complementado co paisanaxe que retrata Morales que bebe da literatura da tradición oral e afonda nos costumes das xentes humildes de magostos e  fiandois, de entroidos e vendimas nun Bierzo feraz e alegre, en galego. Ambas linguas son patrimoniais, conforman a nosa identidade e teñen nestes dous autores coetáneos os seus máis singulares representantes. Gil e Morales cantaron á Terra que amaron, son a cara e a cruz da mesma moeda acuñada no Bierzo, non de metal, pero si de versos imperecedeiros. Ambos cantaron ás súas vilas, aos seus ríos, ambos son merecedores dun tributo semellante. Se ben é certo que demos un gran paso adiante con Gil tamén o é que lle debemos a Morales un recoñecemento similar. Ata o de agora o autor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861) viviu no avesedo, como á sombra da figura do gran autor da violeta e da gota de rocío. Fagamos que sexa tamén coñecido, recitado e cantado polos bercianos.   Enmarcado no denominado Rexurdimento, movemento literario que dalgún xeito daba os seus primeiros pasos grazas a Sarmiento, outro berciano que escribía en galego, militar de profesión e liberal republicano convencido,  os seus restos descansan para sempre no cemiterio da Edrada ao pé do Castro Bergidum.
 Abordar de forma integral a personalidade literaria do Bierzo debería ser esoutro obxectivo deste Bicentenario a realizar no 2017 e debería ser desta volta Cacabelos o espazo que nos acolla, máis cedo que tarde, nunha primeira iniciativa para reunir ás persoas e entidades interesadas en poñer a andar o  Bicentenario de Antonio Fernández Morales, cuxa conta atrás comeza simbolicamente a andar no día de hoxe.    

        Héctor M. Silveiro Fernández.



domingo, 10 de xullo de 2016

Morales e o galego no Bierzo poden esperar?




Non era un descoñecido para os académicos, pero a figura de Carlos Casares provocou máis adhesiois no Plenario de onte, de modo que Antonio Fernández Morales terá que esperar para outro ano a ser homenaxeado no Día das Letras Galegas, pero non será o 2017. Preguntámonos sobre as consecuencias desta nova espera que a RAG acaba de acordar e se, dada a premura coa que se precisa abordar a cuestión lingüística no Bierzo, esta decisión pode ser  máis ou menos contraproducente para o proceso de normalización lingüística que muitos aspiramos a poñer en marcha na comarca.
O que non vai esperar é a celebración que no Bierzo comezará  a andar no próximo mes de setembro, con motivo  do seu Bicentenario.

Agradecemos primeiramente todos os apoios e agarimos recibidos durante este proceso intenso de posta en marcha da candidatura ata chegar ao Plenario da RAG.  Somos conscientes de que cando preparamos e pedimos para Morales este Día das Letras facíamolo cargados de razois xustas para lograr esta meta. Mais agora toca deterse un chisco para realizar dúas valoraciois en voz alta sobre a resolución do Plenario sobre as Letras Galegas do 2017  que queremos facer chegar a través desta pequena reflexión en quente.

 Se ben o noso autor  (e esta é a primeira das valoraciois) esta sendo cada vez máis coñecido e considerado nun proceso que levamos varias décadas impulsando dende o Bierzo, perdemos nesta ocasión unha grande oportunidade  para lograr a súa incorporación plena ao elenco de autores do Rexurdimento,  facendo coincidir o bicentenario do seu nacemento coa celebración como autor no Día das Letras. Como é lóxico,  neste proceso de reivindicación literaria contamos de sempre coa colaboración xenerosa de numerosos amigos e amigas de Galicia, apoio que de novo reclamamos para  os eventos que pensamos poñer en marcha no 2017,

 A segunda valoración é a nosa preocupación por ter que abordar o Bicentenario de Morales, que para nós vai indisolublemente unido ao devir da lingua galega no Bierzo, dende a marxinalidade xa non só xeográfica, senon tamén mediática porque o feito de situar a Fernández Morales como centro de interese para toda Galicia, de seren homenaxeado no Día das Letras suporía un importante baluarte para fortalecer no propio Bierzo, xa non digamos en Galicia, a idea de que os galegosfalantes da nosa comarca formamos parte desa Gallaecia cultural que cohesiona o idioma. Suporía erguer un poderoso dique de contención á alarmante perda de falantes que ano a ano se constata.

Recibimos, pois, esta resolución do Plenario cunha clara e máis que contundente decepción. As espectativas ambiciosas que no Bierzo tiñamos vense seriamente frustradas. Preguntámonos cal será o apoio real que recibiremos dende Galicia para este 2017 que se aproxina. Nosoutros luitamos e esperamos que as actividades que pretendemos levar a cabo, aínda  así, contribúan eficazmente a eses dous obxectivos que puxemos enriba da mesa coa candidatura: o recoñecemento integral do autor e avanzar considerablemente no proceso de normalización da lingua que escolleu o escritor, lembremos a súa idea de legar á posteridade esta lingua á hora de compoñer varios miles de versos na fala popular do Bierzo.

Cando solicitamos a presenza de Galicia neste proceso facémolo coa conciencia de que precisamente a lingua e os textos de Morales forman parte indiscutible da cultura que grazas ao idioma compartimos bercianos e galegos, unha cultura necesitada, non só na nosa comarca (onde a situación é especialmnete acuciante), se non, no seu conxunto,unha cultura que precisa de novos e decididos pulos para lograr un futuro mellor ante o que hoxe nos sentimos un pouco máis débiles e inseguros ao outro lado do Cebreiro, dende estas terras do galego oriental.

Hécto M. Silveiro Fdez