venres, 30 de setembro de 2016

MORALES E O TEATRO DE VILAFRANCA (III)


OS ESTATUTOS DA “SOCIEDAD DE TEATRO DE VILLAFRANCA”

Héctor M. Silveiro Fernández


Trátase dun folleto coidadosamente editado con pastas que imitan cartón e que consta de 16 páxinas (ademais das tapas). Realizado na tipográfica de F. Arza da Coruña  na primeira folla, a modo de portada, di: “Estatutos de la Sociedad de Teatro de Villafranca del Vierzo. Año de 1843” . Esta dividido en 12 títulos e un apéndice ou anexo no que se fai unha “lista de los actuales socios” que, se cadra, resulta un dos apartados máis interesantes do documento, lugar onde aparece a data de 26 de xaneiro de 1843.

Se analizamos o contido do primeiro dos títulos: “Objeto de la Institución”,  ademais da “xerga” propia dun texto de carácter legal (non deixan de ser uns estatutos dunha asociación) detectamos refinamentos retóricos tipicamente burgueses e un certo aire liberal, como os que se respiraban a mediados do XIX nunha vila en auxe que seguía a reclamar a capitalidade de provincia: “La sociedad de Teatro de Villafranca del Vierzo, es una reunión de amigos dedicados por pura convicción a promover el gusto a este objeto recreativo, interesados unánimemente en su prosperidad”.

Son, si, un grupo de amigos, pero no seu título segundo especifica: “Conveniencia de estos Estatutos para la mejor organización de esta Sociedad. ARTÍCULO 1º   Es un axioma bien reconocido que una Sociedad de esta naturaleza carecería de su mejor emblema, sino tuviese por base necesaria un reglamento formal que debidamente la constituya, que dé vida ostensible al digno objeto que representa, que proteja, defienda y economice sus intereses propiamente suyos, que dirija su orden administrativo; y últimamente que fije a cada uno de los individuos de su asociación los deberes que respectivamente les conciernen en la precisa distribución de varios cargos que exije naturalmente el más acertado sistema en que debe constituirse un objeto de esta clase”

A imitación do novidoso espírito democrático que se respiraba na Corte, a Sociedade dótase dunha “Constitución legal, respetable e inviolable” que procurará polo tanto “favorecer en cuanto sea dable este ramo de culta civilización que tan útiles ventajas proporciona a todas las clases de la Sociedad, ya proscribiendo el vicio, inspirando virtudes y difundiendo un germen de ilustración común, ya sustituyendo el vacio del ocio y de la inercia, movimiento y ocupación recreativa que por su naturaleza imprime a la vez en el hombre perfecciones correspondientes a la dignidad de su ser” (este último texto entrecomiñas corresponde ao artigo 2º  do título 1).

A asociación reafirma con contundencia o seu interese público nun afán romántico que chega ao corazón e que vai máis aló dunha pretensión puramente ilustrada, como se evidencia na redacción do artigo 3º: “Será muy celosa en promover y adelantar cuanto conduzca a engrandecer este importante objeto de interés público: hará sentir en el corazón de sus compatriotas el amor y protección a tan laudable ocupación; y por último no perdonará medio de destruir cuantos obstáculos tiendan a entorpecer los agentes que constituyan su adelantamiento y prosperidad.” O teatro, en resumo, é un obxecto de interese público que propicia e garante a dignidade do ser, fronte ao ocio e a inercia, e que imprime virtudes e ilustración a todas as clases na procura dunha sociedade culta. Ese fervor romántico déixase ver, unha e outra vez, no documento nos frecuentes chamamentos a interiorizar sentimentos, como por exemplo, ao referirse aos socios “corresponsales”. Esta redacción quizás filla do carácter entusiasta de Morales ou de Joaquín e de Enrique, que sabendo das súas limitaciois á hora de participar da mesma, suxeriron semellante categoría de socios, que serán “los que residiendo fuera de la Villa se les conozca por amante y decididamente interesados en sus mejoras”.  Unha retórica semellante define aos socios en xeral “serán en todo tiempo personas de providad e ilustración”, cousa que tamén se desprende da filosofía altruísta, tan da época, dalgunha das “Disposiciones generales de la sociedad” que constitúen o título 12.  Así a disposición número 17ª di: “Ningún individuo de la Sociedad gozará sueldo ni gratificación, porque no hay recompesa comparable a la satisfación de contribuir al bien general.” 

Aínda que a iniciativa é particular, ten un claro sentido municipal como se demostra polas dúas ocasiois que se indica nos estatutos que quen presidirá sempre as reuniois da Sociedade será o “Alcalde 1º Constitucional de la Villa” na casa consistorial (17).


Efectivamente poderíamos pensar que o propio Alcalde foi seguramente un dos que se dirixiu oficialmente con este loable propósito a Fernández Morales e se cadra tamén a Enrique Gil, entroutros personaxes que nomearemos máis adiante, pouco antes de se facer realidade a Sociedade de Teatro. Pero, aínda que a súa constitución parece responder a un interese político da burguesía local, auspiciado ou non por residentes de fóra e amigos de Vilafranca, unha estratexia de fondo une aos seus socios: ser un elemento que reforza a potencial capitalidade provincial máis aló das distintas ideas políticas. É moi rechamante o interese por eludir o debate estritamente político para evitar suspicacias e tensiois innecesarias. O artigo 5º do título 4, que trata das xuntas, di: “Hablarán los Socios por su orden pidiendo la palabra al Director que no podrá negarla. Las disputas han de ser nobles, circunspectas, contraídas únicamente al objeto que la Sociedad se propone, sin penetrar en el campo vedado de la política y de las personalidades, porque cualquiera estravio que haya de la senda que la Sociedad se ha trazado, acabará por la de embarazar sus operaciones y destruirse asimismo.” 

Polo que podemos deducir da lectura dos Estatutos, a Sociedade era efectivamente a encargada de xestionar o Teatro de Vilafranca: “tendrá con toda independencia la facultad de dirigir, arreglar y disponer cuanto pertenezca al Teatro en su mejor orden, fomento y administración”(título 9º) e, ademais, a promoción da representación de obras propias, non impedía que compañías foráneas puidesen representar no mesmo espazo. Advertimos que dita xestión non a leva a cabo totalmente a través da súa Xunta directiva (que consta de sete membros e na que debe haber un Presidente, un Depositario, un Contador e, por suposto, un secretario que leva o curioso cualificativo de “archivero”, pois debe, entre outras muitas funciois, recoller coidadosamente os textos das pezas executadas (título 6º)). A Xunta directiva, que evidentemente se debe a unha Xunta xeral de socios, delega o seu traballo diario en dúas comisiois executivas: Unha chamada de Escena, e a outra, a de Maquinaria, cuxos membros están supeditados á anterior.

A Comisión de Maquinaria está composta por tres encargados que se ocupan, entre outras cousas, do garda-roupa, sendo entendidos “en todo lo material directivo y ejecutivo interior del Teatro, reuniendo algunos en sus conocimientos el de la delineación y pintura perspectiva” (titulo 11º). Sobre dita comisión recae a responsabilidade directa das visitas doutras compañías, como testemuña a 14ª disposición do título 12: “Si en alguna ocasión permitiese la Sociedad trabajar en el Teatro una o más compañías de espectáculos públicos, será incumbencia de los encargados de Maquinaria el tratar lo conveniente al efecto. Verificada la contrata pasará uno de dichos directores a entregar las llaves a los contratantes, formando a vista de los mismos un inventario de todos los útiles y cuanto pertenezca al local, el que firmarán dichos contratantes, quedando obligados a hacer entrega de todo al mismo Director de maquinaria, en el propio ser y estado que lo recibieron”. A importancia da outra comisión, a Comisión de Escena, queda claramente fixada nos Estatutos ao lle outorgar a capacidade para escoller as obras a representar e mesmo “hacer desaparecer de la escena todo viso de impropiedad” é dicir, exercer dalgún xeito de censores, responsables da “finura, compostura y delicadeza” das pezas. Debido ao peso e complexidade deste labor, os membros da comisión, ao estilo da máis vella usanza dos cónsules da república romana, serán dous que “en cualquier caso de discordancia recurrirán a la junta directiva para su decisión”. A elección destes dous Directores “que van desempeñar tan delicado encargo, recaerá en aquellos más señalados por sus costumbres en el Escenario, como son, pureza de lenguaje, acción, actitudes y modismos cómicos, ceremonias públicas nacionales y estrangera”(art. 1º do título 10º).

Ademais das habituais disposiciois duns estatutos sobre o regulamento de cobros e  calendario de xuntanzas, hai outras curiosidades que revela este documento sobre a xestión das funciois de teatro como a referida á venda de billetes. Parece deducirse que a concorrencia de numeroso público nun espazo onde hai asentos numerados destinados aos socios puidese aconsellar pechar o número de asociados, procurando evitar así conflitos nos días das representaciois, nos que acoden socios, actores ou actrices, ou mesmo os directores de escena, acompañados das súas familias. Estes señores e señoras terán o número de billetes que precisen con “toda preferencia en cada representación antes de procederse al despacho general de villetes” como consta “en la inscripción del libro de asientos, debiendo en caso necesario, sortearlos entre sí para evitar toda desavenencia”. Por unha banda, existe “un libro de asientos” onde hai que estar inscritos para ter garantía dun asento, e, pola outra, noméanse dous acomodadores para que cada persoa atope o seu sitio reservado, segundo o número de billete. Outramente, os estatutos tamén aconsellan “construir una arquita de madera a manera de buzón con dos llaves, cuyo uso será el de recibir los villetes de entrada al Teatro, que introducirán en ella los señores recolectores destinados al efecto los días de función”  (neses días “a las 9 de la mañana, la junta directiva nombrará dos espendedores para los villetes, siendo de cargo de la misma disponer su recolección en el acto de la entrada, igualmente que el hacer recojer los de asiento antes de concluirse la función”.

A Sociedade fai constar tamén entre as súas necesidades indispensables “la organización de una parte de música de cuerda, desde luego se propone la protección de este interesante ramo, costeando con fondos del Teatro” procurando “despertar la afición en los jóvenes inclinándolos a esta parte lírica anexa a las funciones del palco Escénico”. Como un medio curioso de financiamento, a Sociedade proponse adquirir unha “imprenta portátil” coa que se poderán “imprimir toda clase de convites y otros documentos necesarios...un servicio de tanta utilidad al Teatro y al público”.

Finalmente, faise mención ao distintivo da Sociedade na disposición 16ª “un sello de figura elíptica, en cuyo vértice inferior se leerán estas palabras: y seguirán por la línea curba las siguientes: poniendo en el alma del escudo una Ceres coronada de espigas o varios atributos alegóricos al Teatro.”  As últimas disposiciois fixan a residencia en Vilafranca, reiteran a presidencia do Alcalde Constitucional das xuntas a realizar na Casa consistorial e aparece unha relación de nomes a continuación dunha data, a do día do antigo Patrón da Vila (18) que entendemos serían, en sentido estrito, os socios fundadores, os 20 presentes na discusión e aprobación dos estatutos:

Villafranca del Vierzo 20 de Enero de 1843.__ Jacinto Meneses._ Ramón Valcarce y Núñez._ Vicente Terrón._Fernando Galarza._ Tomás Fernández Garrido. Agustín Pío Téllez._Joaquín Saavedra._ Manuel  Quevedo._ Victoriano Enríquez._ José Pablo Fernández._ Ramón Iglesias._ Aniceto de Landejuela._ Alejandro Balbuena._Nicolás Herce._ Ramón Abaunza._ Isidoro Ovalle._ Pedro Ovalle._ José Juan de Cancelada._ Antonio Pérez._ Antonio Santos Burillo.

Detalle do documento dos Estatutos.
Como consecuencia, claro está, da mentalidade da época non se cita a ningunha muller, aínda que a Sociedade, coa mesma filosofía machista e decimonónica, marxina literalmente ao xénero feminino, mesmo á hora de distribuír os impresos dos Estatutos que se repartirán entre asociados e público en xeral, iso si, imprimindo aparte  “unos Diplomas sencillos destinados a Señoras, en los cuales la Sociedad les consignará su espresiva complacencia por sus servicios y desvelos en obsequio de los intereses y prosperidad del Teatro.”  Xa noutros lugares do documento que comentamos, outorgábanselle ás mulleres, por parte da Xunta Directiva, determinadas tarefas seguindo os criterios dos costumes imperantes da época como reza o artigo 2º do Título 9º: “Será de sus atribuciones la elección de una señora adornada en virtudes y conocimientos útiles, a quien se entregue esclusivamente el cuidado de las jóvenes Señoritas que actuen en la Escena, su entera direción en el cantado, declamación lírica y más ramos anexos”  e tamén dedica un artigo no título dos Directores de escena os que se preocuparán de “las atenciones, gracias y obsequios debidos a las Señoras que actuen en la Escena”.
              
       Nesta listaxe asinan os mesmos que logo aparecen na lista de socios. En 1843 houbo efectivamente un revés moderado liberal de aí que os nosos estatutos se preocupen de que todos os sectores da sociedade da vila estean presentes, en especial, os seus círculos de poder. Aquela tarde do 20 de xaneiro concluía unha serie de debates que comezara talvez cando Ramón Abaunza dera o aviso ao alcalde de que xa tiña nas maos o borrador que lle entregara Joaquín del Pino, o seu cuñado, e redactaran xuntos Enrique e mais el. Tomás Fernández, o pai de Morales e tamén Isidoro Ovalle foron os encargados entusiastas de convocar á reunión fundacional nas salas do propio Consistorio. Na xuntanza acordaron quen serían os cargos directivos ademais de aprobar os estatutos e a súa publicación nunha tipográfica da Coruña, xestión da que se encargarían de supervisar ben D. Juan de la Mata Alvarado, ou ben Luis Toledo, residentes naquela cidade.

A Sociedade de Teatro imita a outras sociedades existentes en capitais referenciais e coñecidas para algún dos seus promotores vilafranquinos. Valladolid e Madrid están na mente de todos, unha como centro da Corte, a outra como destacada capitalidade provincial onde a vida teatral presenta un vigor particular. Pero é evidente que, detrás desta iniciativa, o principal motivo é o de procurar para a nosa vila “os honores de ciudá” como diría Morales que camiñan á par do desexo de lograr a capital de provincia perdida e sempre soñada. Temos que ter en conta que pola súa parte ese mesmo soño o tiña Ponferrada e esa pendencia teimuda entre os bercianos do XIX fomentará unha carreira na que, esta última, levaba certa vantaxe. Contaba cun espazo teatral avellentado adxunto ao cárcere que finalmente en 1841 se debe desaloxar e unha “Sociedad de Teatro de Ponferrada” como acreditan os irmaos Carro Celada, autores dun interesante estudo do Libro desta Sociedade que vai desde a fundación en 1826 ata o ano 1861. Neste estudo se ofrecen os pormenores da construción dun novo teatro que se deberon con toda seguridade acelerar ao saber que Vilafranca se dispuña a inaugurar o seu en 1843. De aí que sexa este mesmo ano no que se inicien as obras sen demora para que os ponferradinos conten cun novo espazo escénico no “tramo de San Agustín desde el mediodía” do que P. Madoz dirá: "Un teatro construído de nueva planta en 1845 con tres órdenes de palcos sostenidos por columnas de hierro colado."  por aquela sociedade ponferradina de teatro pasará en distintos momentos personaxes tan coñecidos como Pascual Fernández Baeza, José Fernández Carús, Isidro Rueda, Mateo Garza ou Lorenzo Fuertes, todos eles cun perfil claramente liberal. Non podemos asegurar que tivera algún contacto coa citada Sociedade o propio Gil y Carrasco, aínda que os autores do traballo así o aventuran dicindo, sen máis detalles nun parágrafo algo confuso, que nas súas actas consta o seu nome e sinatura, cuestión que polo de agora non puidemos constatar (19).
Parece, iso,si, que o irmao de Enrique, Eugenio Gil, figura na junta directiva sendo o seu presidente Antonio Valdés, en 1857, ano no que ademais se documenta unha colaboración coa “Sociedad de Teatro de Villafranca” que se produce cando anuncia esta última a súa intención de asistir en masa á representación “Isabel la Católica”. Os ponferradinos deciden ofrecer asentos e entrada gratuíta aos asistentes vilafranquinos como mostra do “buen deseo de armonía que anima a Ponferrada con su vecina Villafranca”.

Dando un repaso a actividade teatral do século XIX, comprobamos que as iniciativas dramáticas das dúas vilas máis importantes do Bierzo non son unha excepción, León, Zamora, Valladolid (20) tamén experimentan un fervor semellante ao longo do século. Así, postos a imaxinar como serían os recursos cos que contaban estes espazos culturais,  consultamos traballos como León y su actividad escénica en la segunda mitad del siglo XIX, unha tese doutoral de Estefanía Fernández García (1997) na que aparece un curioso inventario do “Teatro Principal” de León tamén chamado “del Ayuntamiento” que, segundo parece, ocupaba o espazo do antigo “Patio de Comedias” e que desaparecería a comezos do século XX (1919). Cítase este teatro casualmente en 1843 no que o empresario Vicente Fernández solicita permiso para realizar obras de mellora sendo logo inaugurado no 1846 como indica Madoz que o sitúa na de Praza San Marcelo ao lado da casa municipal (21). Tamén naceran teatros en Astorga, Valencia de Don Juan e La Bañeza.  Este estudo pode dar unha idea dalgunhas das compañías que puideron encher a escena berciana, e, en concreto en Vilafranca, das que non puidemos atopar outras referencias. Aínda que Ponferrada non conserva o edificio do seu teatro romántico, como fixo Vilafranca, resulta moi interesante a información que se conserva do libro de actas da súa “Sociedad de Teatro” valiosa información coa que non contamos no caso do teatro vilafranquino.



A LISTA DE SOCIOS DA SOCIEDADE DO TEATRO DE VILAFRANCA

Un anexo aos Estatutos, que se corresponde coa derradeira folla do documento, aporta unha serie de nomes (véxase a ilustración) dos que tentaremos facer un breve comentario, pois a lista resulta especialmente significativa e esclarecedora dese ambiente político e cultural que respiraba a antiga capital do Bierzo e promovía esta actividade.

                Baixo o epígrafe:  LISTA DE LOS ACTUALES SOCIOS enuméranse 42 socios aos que se suman outra  con  9 “socios corresponsales” distinguidos persoeiros, entre os que figuran D. Enrique Gil e D. Antonio Fernández Morales. Aínda que está por determinar un plano detallado das relaciois que mantiñan Gil e Morales cos demais socios que aparecen citados no documento da Sociedade de Teatro, é evidente que esa relación existía e que había intereses comúns que os movían a todos eles ata o punto de apoiar unha institución de grande importancia para a vida cultural e proxección desta vila berciana que seguía aspirando a ser cabeza dunha provincia, actividade que, como é ben sabido, non pasaba desapercibida máis aló da contorna.  Que a lista de “socios corresponsales” foi meditada e estaba ben pensada e deseñada, non cabe ningunha dúbida. Parece obvio que nela non podía faltar Gil y Carrasco, por ser o autor máis destacado da vila e do Bierzo nese momento, o que indica ademais que o escritor non renegaba, como se ten afirmado, da súa vila natal. Pero, por que aparece inmediatamente despois Fernández Morales? Ganduxemos as hipóteses de por qué o noso capitán con 26 anos de idade está na lista, por que contaron con el? Unha primeira e principal causa certamente é ideolóxica: ser un destacado activista do liberalismo; outra,  sería a literaria, en realidade está ben próxima a anterior, podémola intuír, pero seguramente o Morales escritor, aínda non despuntara. Finalmente, a súa brillante carreira militar a ninguén pasaba desapercibida.

 Seguindo o rastro destes fíos observemos certos pormenores de interese sobre esta lista de socios que nos permitan certificar o que dicimos, non sen antes advertir que nos deterémonos só nunha parte dos 42 socios citados.

 O primeiro dos nomes, o que encabeza a lista, é o Alcalde de Vilafranca, recentemente elixido na liña do liberalismo moderado ao igual do que rexentaba o poder na Corte. Non é casual que sexa o primeiro, na propia lista indícase con maiúsculas o seu cargo: D. Jacinto Meneses, PRESIDENTE. A seguir, os tres nomes dos cargos directivos que non pertencen á Corporación municipal: D. Agustín Pío Téllez, CONTADOR, D. Antonio Santos Burillo, SECRETARIO e D. Manuel Díaz Maroto, DEPOSITARIO, que resultan ser destacadas personalidades e, máis cedo que tarde,  ocuparán cargos de peso en distintos postos relevantes. Agustín Pío Téllez era deputado provincial nese momento e, pouco tempo despois, no ano 50, aparece acompañando a Tomás Iglesias Barcones, home este natural de Vilafranca e abade da súa Colexiata, que chegaría a bispo de Mondoñedo (antes de ocupar máis altos cargos) cara a onde se despraza ao parecer acompañado do propio Agustín Pío Téllez que exercerá de profesor do Seminario Mindoniense e,  do que sabemos que, un ano despois, sería secretario do Gobernador eclesiástico eilí mesmo. Por outro lado, Antonio Santos Burillo, o secretario arquiveiro da Sociedade de Teatro, nese mesmo ano 1843, estaba a promover precisamente unha institución de ensinanza na vila. Na acta municipal del 15 de febrero de 1843 di: “ Se leyó con el mayor gusto la esposición q hacen a este ayuntamto los sres. D. Pedro Ildefonso Oballe, abogado de los Tribunales nacionales (tamén incluído na lista de socios) y D. Antonio Santos Burillo, profesor de matematicas, revelando la ilustrada idea de constituir en esta villa un estableciento de enseñanza que abrace bajo una misma dirección la Instrucción primaria,  la de  Latinidad y la secundaria.”  O Depositario da Sociedade Manuel Díaz Maroto era administrador de rendas desta vila, como consta nas actas municipais do ano 43. Lembremos que no ano 1842 participara na cea co Infante Francisco de Asis pois daquela ocupaba o cargo de comandante da Milicia. A aquela cea tamén asistira como invitado o seguinte na lista,  D. Ramón Valcarce y Núñez, que nas actas municipais da vila parece estar no goberno municipal, ademais de ser tenente da Milicia Nacional. nunha listaxe dos individuos para facer o servizo á milicia Nacional de Infantería desta vila en 1838 aparecen citados, entre outras moitas persoas, practicamente a totalidade dos 42 socios (22). 

A partir deste nome non sabemos con precisión se a lista segue unha orde lóxica. Non garda a orde alfabética, non sinala ningún tipo de cargo ou distinción, parece unha serie de nomes caprichosa que ben puidese seguir un criterio tan simple como o da inscrición no rexistro de socios. O perfil dos socios  é o esperable: profesiois liberais, ligados ás milicias e ao goberno municipal.  Así o seguinte será D.Vicente Terrón y Molée, un doutor que antes de exercer na nosa vila foi o autor dun artigo Sobre la tos ferina y la angina membranosa e parece estar destinado en Cebreros (Ávila) que é onde asina a columna do Boletín de Medicina, Cirurjía y Farmacia de 1836 (nº 87 editado en Madrid).  Logo vén Fernando Garlanza, que pertencía ao ramo da xudicatura, era avogado e xuíz de primeira instancia (tamén ligado ao xulgado vilafranquino está outro dos socios que se cita máis abaixo Antonio Pérez, promotor fiscal), e  a seguir está Tomás Fernández Garrido,  o sétimo da lista de socios. Trátase do pai de Antonio Fernández Morales. Ademais de boticario, era membro da Milicia e non nos cabe a menor dúbida de que foi un dos impulsores  máis entusiastas da iniciativa. Tal er ao seu interese que logrou finalmente, que o seu fillo, ausente da vila, estivese involucrado na Sociedade.  O seguinte na lista é Joaquín Saavedra Ossorio un home moi influínte, outro destacado militar liberal que sabemos dirixe a milicianos vilafranquinos contra a facción valdeorresa de Os Carballos de 14 homes interceptados en Visuña 1834, colaborador durante dous anos do axudante do Capitán Xeral de Galicia, Francisco Sánchez Gil, e a súa Compañía de Cazadores asentada na vila para dar resposta ás liortas carlistas (23). Por suposto, el tamén estivo o 10 de xullo de 1842 na cea co Infante D Fco. de Asís María, que pernoctou na vila o día 11 de xullo. Hai persoeiros que pasarán pola alcaldía de Vilafranca e mesmo serán  deputado provinciais, como Ramón Abaunza; homes que veñen participando da política local como Manuel Quevedo, membro da corporación municipal no ano 1842 e avogado acaudalado, Aniceto de Landejuela, un dos rexedores do goberno da vila, Alejandro Balbuena, tamén membro da corporación anos despois e está igualmente o actual secretario da corporación, Carlos  Pérez y Novo.

Entre os socios sinalamos a continuación a dous senlleiros persoeiros, dos máis firmes partidarios da capitalidade da Provincia para Vilafranca. Efectivamente as actas municipais do ano 1842 e 1843 deixan constancia do vigor deste “asunto de la capitalidad” para o que se segue convocando aos “notables”, recíbense adhesións con intención de sumar territorios á nova provincia, como por exemplo a do “Ayuntamiento de Caldelas”, realízanse diversas xestiois fóra da vila  como as que se agradece fixeran entre outros “los sres diputados  Mauricio García y Román Obejero”, ou do pronunciamento do Capitán General de Galicia, ademais do  “arzobispo de Valencia, Pelegrín José Saavedra” quen precisamente formará parte do elenco fundacional da Sociedade de Teatro.  É por iso polo que é doado establecer unha  relación entre esta iniciativa teatral e a de facer posible e afianzar esa aspiración dunha provincia para o Bierzo.  O primeiro dos personaxes a destacar é Apolinar Suárez de Deza, señor de Láncara, que daquela comeza a destacar nas filas do moderantismo local. Suárez de Deza participara directamente, durante a rexencia de Espartero en 1841, na defensa da capitalidade de Provincia para Vilafranca concorrendo á solicitude co apoio da comarca de Valdeorras onde tiña gran influencia.  Logo chegará a ser senador provincial, no ano 44-45, nas prazas do Senado que lle correspondían á provincia a títulos nobiliarios afiliados ao sector moderado. A influencia de Suárez de Deza aumentaba daquela coa adquisición de bens desamortizados no Bierzo. Isto parece indicar que as vellas familias nobiliarias e fidalgas da provincia retoman un papel protagonista no plano político do que permaneceran ausentes durante os tres anos anteriores. A derrota total dos progresistas, tras o movemento revolucionario de outubro dese mesmo ano de 1843,  xunto co control absoluto das instancias locais,  permitirá este xiro conservador do réxime liberal.

O outro personaxe é Santiago Capdevila que xa no ano 1842 formaba parte da corporación municipal como rexedor sexto, á que se incorpora no mes de abril como certifican as actas municipais, por non podelo facer antes, debido a súa estancia en Barcelona. Era un comerciante de panos que se instala na Praza da Constitución con Ignacio Herrero no 1834. Era esa burguesía activista que se implica e que abraza a causa da capitalidade para Vilafranca como queda patente pola súa pertenza á Sociedade de teatro en 1843, pero tamén porque lidera o asunto da capitalidade anos máis tarde no bienio progresista (1854-55), cando os sectores conservadores comezan a ver no aillamento da comarca un xeito de manter os seus privilexios.


Ademais de militares liberais, de convencidos provincialistas, os rendistas máis ou menos moderados e os sectores puxantes da burguesía local, podemos incluír entre os socios do Teatro a certos intelectuais locais entre os que sen lugar a dúbidas destacaríamos a Isidoro Andrés Ovalle, que coñecemos como autor de varios artigos xa na década dos 60 en El Esla e tamén polo seu poema Recuerdo a Puentedeume (en dialecto berciano), aínda que en 1843 era un recente licenciado que acababa de chegar de Valladolid onde estudara Leyes.

(IR Á SEGUINTE)


(17))     O goberno municipal, como se pode comprobar actas municipais do 1842, vén de sufrir unha transformación adaptándose ao moderantismo en voga no país.
(18)     O antigo patrón de Vilafranca era San Sebastián, se ben é certo que estaba a piques de nacer unha nova festa patronal que daría lugar, pouco máis tarde, a unha serie de funciois teatrais asociadas a esta festa e aos cuantiosos gastos que se sufragaban, en parte, con representaciois no teatro como podemos comprobar nas páxinas nas que se analiza a orixe e evolución das festas do Cristo no libro Palillos de madeira, os xigantes de Vilafranca del Bierzo, anteriormente citado.
19) No texto publicado no nº16 da revista Tierras de León, os autores, os irmaos carro Celada, comezan afirmando que Enrique Gil morrera en 1845, data que é inexacta. Logo non ofrece ningunha precisión, cousa que parece estraña polos detalles que si aparecen noutros momentos e que finalmente, nos fan dubidar da certeza e correcta lectura do documento neste punto que queda pendente de contrastar no orixinal do Libro de actas de la Sociedad de Teatro de Ponferrada, ao que non puidemos acceder lamentablemente.
(20)     Narciso Alonso Cortés realiza un estudo moi notable da actividade teatral da Valladolid do XIX.
(21)     Facemos referencia das páx 71-72  e da páx. 84 da tese citada: León y su actividad escénica en la segunda mitad del siglo XIX, de Estefanía Fernández García (1997).
(22)     Hai que indicar que neste mesmo ano de 1843, o 20 de outubro, a Milicia Nacional se mobilizaría cara ao Hospital de Órbigo e León. Esta mobilización ten que ver coa decisión da coalición antiespartarista de proclamar a maioría de idade de Isabel, en canto esta cumpriu os trece anos, en outubro de 1843, iniciándose así o seu reinado efectivo. A Milicia Nacional desde os sucesos de 1836, na caída da Rexente María Cristina en beneficio de Espartero, participara habitualmente contra as sublevaciois moderadas, en especial, contra o pronunciamento moderado de 1841 e contra o restablecemento do moderantismo nese mesmo ano de 1843. Sería seguramente a causa de que narváez decidira a súa disolución, encomendando máis tarde as súas tarefas á Guardia Civil, un corpo militar creado pouco despois.

(23)     Datos que proporciona Miguel J. García González na pax. 151 da Historia del Bierzo editada polo Diario de León e o Instituto de Estudios Bercianos no ano 1994.

venres, 23 de setembro de 2016

MORALES E O TEATRO DE VILAFRANCA (II)

Foto recreación. Morales no Teatro de Vilafranca. Montaxe realizada sobre unha foto
da Memoria fotográfca de un siglo de Santiago Castelao e un dos retratos de Fdez. Morales.

UN TEATRO ROMÁNTICO EN CONSTRUCIÓN  E OS SEUS ESTATUTOS

Héctor M. Silveiro Fernández


Unha das razois que nos moveron a escribir e publicar este traballiño sobre a Historia do Teatro en Vilafranca foi a de desterrar para sempre un mal entendido que sitúa a súa construción nos primeiros anos do século XX. O teatro en Vilafranca naceu no século XIX  e estivo onde hoxe se atopa, é dicir, no edificio do Consistorio municipal da Praza Maior, daquela Praza da Constitución. Polo tanto o Teatro Vilafranquino, lonxe de ser un espazo creado no ano 1905, como figura erroneamente nalgunhas publicaciois é unha creación romántica do ano 1843 como a continuación documentamos.
  Lendo varios traballos sobre o Teatro no Bierzo chamounos especialmente a atención o clamoroso erro cometido na VI. Antología de Escritores Bercianos, dedicada ao Teatro editada con ocasión da celebración da Feira do Libro do 2007 polo prestixioso Instituto de Estudios Bercianos. Na introdución titulada El teatro en el Bierzo (da que no se indica autor) fálase da Sociedade de Teatro Ponferradina creada no 1826, cuxa fonte é un artigo de Esteban e José Antonio Carro Celada. Tras esa referencia, debida ao estudio de Esteban e José Antonio Carro Celada,  curiosamente esquece citar a Sociedade de Teatro de Vilafranca (que tamén aparece no encomiable traballo dos irmáos anteditos). Finalmente cae no craso erro de afirmar con contudencia que a historia do Teatro Villafranquino se remonta a comezos do século XX  época na que foi construído.(13)

Parécenos curioso o proceder do autor, ou autores, desta introdución, tanto polo esquecemento como polo descoido cometidos, porque existían datos que desmentían ambas cousas e xa estaban publicados.  En concreto, a indicación da data de construción do Teatro vilafranquino está ligada á de construción do edificio do Consistorio, que o historiador Hernán Alonso sitúa no 1839, ano no que o municipio se dirixe á raíña rexente, María Cristina, para que, por unha parte, ceda o espazo do convento incendiado de San Francisco para cuartel e permita, pola outra, derruír o que ameaza ruína e empregar os materiais aproveitables na construción da nova casa Consistorial.  Permiso que foi concedido o 6 de agosto do mesmo ano. De todos os xeitos o historiador local tampouco procedeu con total claridade e cremos que malinterpretou outros datos manexados, como os que deixou no seu voluminoso dicionario Pascual Madoz “en la plaza de la Constitución, hecha de nueva planta en estos últimos años; tiene su archivo, secretaria y un espacioso salón de sesiones de 84 pies de long. y 28 de lat.; en el piso bajo existe un pequeño teatro aun no concluido del todo, y en el frente que mira al E. una acera de 90 pies de largo y 12 de ancho” o que leva a Hernán Alonso a dicir


noutra referencia “en esta plaza está el Ayuntamiento que se hizo en 1850. El teatro construído en su interior, no se concluyó del todo hasta 1905”(14).

Documento de 1905. Bases de accionistas para o arranxo do Teatro.

No proceso da nosa investigación procuramos contrastar estes datos e puidemos comprobar que en 1905 o que se acomete, a través dunha sociedade de accionistas, é unha remodelación do teatro xa existente e en uso. A documentación que se xerou naquela reforma non deixa lugar a dúbidas de que se trata dun arranxo. Por exemplo o título das bases para a constitución da sociedade de accionistas di: Bases para la constitución de un capital de Treinta mil pesetas con destino exclusivo al arreglo del Teatro de esta Villa, sito en la casa consistorial de esta misma (ver ilustración). Outro documento consultado recentemente no Arquivo Municipal, orientado polo arquiveiro municipal Abel López Molanes, confirma que a nosa argumentación é a acertada: o teatro estaba en uso antes do 1905. Entre os papeis manexados atopamos un “Reglamento del Teatro” dúas follas, en moi mal estado de conservación, asinadas en setembro do ano 1889 nas que se confirma que no seu artigo 1º El teatro pertenece en propiedad al pueblo de Villafranca; su conservación y administración corresponde al municipio, como representante legal del mismo. Un segundo documento mellor conservado está datado o 26 de outubro do 1881. Nunha especie de inventario no que se describen distintos locais do municipio e da Casa consistorial dise que se sitúa o teatro na planta baixa e se comenta sobre o estado de conservación do edificio que “es bueno, escepto el teatro, cuyo estado es bastante malo”. Pero camiñemos cara atrás no tempo.
  
Botémoslle un ollo ás obras do teatro da mao do noso autor. Deixáramos a Morales na Praza maior nun círculo de amigos formado polos responsables da preparación daquel espazo para o novo teatro e do proxecto da Sociedade do que xa lle falara o seu padre, o boticario. Tras invitalo a formar parte daquel proxecto, que, como non, aceptou gustoso, deciden entrar a ver as obras na casa consistorial. Na Vilafranca do 1842 esas obras, xa moi avanzadas, seguen a bo ritmo. Nas actas municipais puidemos comprobar que na sesión do 31 de decembro aparecen pagos a un mestre canteiro, Manuel Fdez, por facer o baldosado frontal do edificio e tamén o seguinte texto: “A  don Juan Pérez maestro carpintero por hacer el pino del foro del teatro, el baldosado del ante paso de dcho teatro y dar cal de recebo a todo el local desde la puerta pral, mil doscientos nobenta r. en q. se le ajustaron estas obras.”

Chegaría Enrique Gil a visitar este teatro en obras? Non sería nada inverosímil que efectivamente fixese algunha escapada a Vilafranca á casa dos seus amigos e compañeiros de estudos na súa vila natal posto que, como veremos, foron os que o invitaran a formar parte da Sociedade que se estaba xerando en 1842 e  porque, como dixemos, a preparación daquel espazo estaba en marcha. Para facermos unha idea máis precisa da implicación no proxecto do autor da violeta, debemos pousar a mirada por un momento na vida deses anos de Gil y Carrasco. Tras dos éxitos logrados nos anos 38 e 39 en Madrid, certamente convertido nun escritor recoñecido tanto pola boa acollida da súa poesía, como polo prestixio acadado coas súas críticas teatrais, o autor sofre un terrible parón.  A causa é a súa enfermidade,  que o leva a volver ao Bierzo convalecente por un tempo (do 5 de novembro a comezos do vrao do 1840). Daquela levaba, desde 1836, tres longos anos sen pisar a terra que o vira nacer. Será esta primavera do 40 na que comeza unha nova etapa creadora inspirada pola súa terra natal, na que a pesar de que confesa por carta aos seus amigos que se aburre e desexa volver á “infernal marabunda” madrileña, o seu xenio creativo lévao ao campo fecundo da narrativa.  Logo, aquelas afirmaciois non deixaban de ter algo de tópico, porque el non parece ser unha vítima do tedio. Nestes meses de convalecencia e repouso, traballa no deseño da súa primeira novela, e, ademais, redactará o prólogo desde Ponferrada para unha iniciativa editorial que puxera en marcha el mesmo, a edición das Poesías de Espronceda. Naquela longa estancia na comarca berciana non sería difícil que realizase algunha visita aos seus amigos vilafranquinos ou que fosen eles, especialmente Joaquín, o que se achegase ás orillas do Sil ao pé do Castelo templario, para visitar a un íntimo amigo enfermo. No vrao Gil volve a Madrid e reanuda a súa actividade literaria en prensa, precisamente coa crítica das poesías do seu amigo Espronceda cuxa publicación, en sinal de amizade co autor da Canción del pirata, anteporá á publicación por entregas da súa primeira novela que titulou El Lago de Carucedo. Grazas a Espronceda,  Enrique entra como funcionario na Biblioteca Nacional no mes de novembro do 40. Estábase a extinguir a súa vea poética. La caída de las hojas (publicada en El Iris, marzo 1841) talvez fora concibida como despedida da poesía comentan os entendidos. Escribíraa no outono, na súa estancia no Bierzo.   O seu traballo como bibliotecario facilitará seguir publicando na prensa, esta vez, artigos de crítica literaria ata que, en outubro de 1841 ao pechar a redacción de El Pensamiento, abandona a actividade periodística, comezando a preparar a documentación de dous traballos de maior envergadura. Uns meses antes, no vrao do 1841 volvera ao Bierzo e toma corpo a inspiración que permitirá abordar o comezo deses proxectos literarios que finalmente titulou El Señor de Bembibre e o Bosquejo a unha provincia del Interior. Un tráxico suceso, a morte de Espronceda en maio do 1842, vaino forzar a escribir uns sentidos versos, para logo afastarse da lírica e situarse definitivamente ás portas da prosa coa que xa viña facendo probas.  El Señor de Bembibre está moi avanzado.

En que momento se incorpora Gil ao proxecto da “Sociedad de Teatro de Villafranca”? Puido perfectamente ser na visita ao Bierzo daquel ano de 1842. Durante o vrao redacta o Bosquejo, como el mesmo documenta na visita a Peñalba e a Aquiana, no mes de agosto (15). Se as reunións previas á fundación da Sociedade foron realizadas aquel vrao, quizás tamén contaron coa presenza de Enrique pola influencia dese amigo vilafraquino e vinculado ao mundo do teatro que tivo que servir de contacto para que Gil se animase a participar e, non sería de estrañar, que dita iniciativa local buscase o asesoramento ou mesmo nacese da mente dese amigo de Gil. E ese amigo non pode ser outro que Joaquín del Pino,  que efectivamente tiña unha reputación literaria asociada ao mundo teatral, pois, se Gil era un dos críticos de teatro máis prestixiosos do momento, o seu íntimo amigo Joaquín,  compañeiro de estudos en Valladolid, agora tamén colaboraba coas súas propias críticas dos espectáculos que pasaban polos teatros de Madrid nunha pequena revista que saía dúas veces por semana chamada “El Entreacto”.  Non sería estraño que, se non foi redactado no Bierzo, o borrador de estatutos para a incipiente Sociedade de Teatro,  saíse das maos de Joaquín, que el mesmo o fixera chegar a Villafranca desde a capital madrileña, quizás tras realizar certas consultas co seu amigo Enrique, e coa finalidade de facelos funcionais para unha poboación como a vilafranquina ao adaptar certos elementos doutros estatutos consultados na Corte. Esa foi a ocasión que imaxinamos aproveitaría Joaquín para invitar a participar a Gil e implicalo no proxecto. (16)

A finais do ano 1842 todo estaba listo para poñer en marcha e dinamizar este espazo teatral na capital berciana. Así en xaneiro de 1843 nacerá a denominada “Sociedad de Teatro de Villafranca”. Os Estatutos desta sociedade foron editados pouco despois desta data, como  se di no propio libreto e certifica o seu secretario Antonio Santos Burillo: “despois de ser discutidos y aprobados en 26 de Enero de 1843”.   Esta pode ser perfectamente a data oficial de nacemento do noso teatro. Imos logo cos pormenores do documento.
Notas: (13)     De publicaciois como a citada logo se derivan outras na prensa escrita ou na dixital como a  que  tamén circula en concreto na Wiquipedia http://es.wikipedia.org/wiki/Teatro_Villafranquino, cando o Teatro vilafranquino xa existía dende mediados do XIX. Esperamos que dito erro coa documentación que aportamos sexa corrixido canto antes.
(14)     Pódense consultar as páx. 113 e 117 da Guía de Villafranca del Bierzo editada por Everest no ano 1984, cuxos textos son de Hernán Alonso.
(15)     Véxase J.L. Picoche Un romántico español, Enrique Gil y Carrasco na páx 46. Todas as referencias biográficas citadas anteriormente están tiradas tanto deste libro como da súa imprescindible e voluminosa tese doutoral, agás as referidas á Sociedade de Teatro de Vilafranca que o hispanista francés descoñece por completo.
(16)     Co obxecto de desentrañar os vínculos que unían a Enrique e a Joaquín e que resultan especialmente significativos para comprender determinados aspectos da biografía de Gil, estamos rematando a elaboración dun estudo que esperamos vexa á luz no último dos libros da Biblioteca Gil y Carrasco que tan acertadamente dirixe Valentín Carrera. Como precedente realizaremos unha pequena comunicación no Congreso Internacional Enrique Gil y Carrasco y el Romanticismo, cuxas sesióis terán lugar acertadamente no teatro vilafranquino.

venres, 16 de setembro de 2016

NO 149 ANIVERSARIO DE MORALES. MORALES E O TEATRO DE VILAFRANCA (I)

Ao se cumprir hoxe, 17 de setembro, o 149 aniversario do nacemento de Antonio Fernández Morales quixeramos contribuír humildemente á celebración desta data.  Na conta atrás do 150 aniversario, que se celebrará debidamente no 2017, hoxe comezamos a publicación na rede dun pequeno traballo de investigación sobre o autor e a súa relación coa creación dunha Sociedade de Teatro en Vilafranca do Bierzo, Trátase dun artigo que saiu editado na Revista do Instituto de Estudios Bercianos que imos reproducir íntegro en catro entradas que irán aparecendo consecutivamente neste blog.



O TEATRO ROMÁNTICO DA CAPITAL HISTÓRICA DO BIERZO
E OS SEUS SOCIOS FUNDADORES ENRIQUE GIL E FDEZ. MORALES

 Héctor M. Silveiro Fernández

Entrando logo na villa
franca, garrida, sencilla
que honores ten de ciudá,
un castillo hacia Castilla
o viaxeiro atopará.

Atopará dulce trato,
que regale seus deseos;
tertulias, bailes, boato,
café, teatro, paseos
e cuanto pode ser grato.

                                  Villafranca y a vendima.


Traballando para unha comunicación na celebración do 150 aniversario da publicación dos “Ensayos poéticos en dialecto berciano” (1861) no transcurso das sesións da VI Escola Fermín Penzol (1), que xirou arredor da figura de Antonio Fernández Morales, foi cando atopamos, e logo demos a coñecer, un novo vínculo deste pouco difundido cantor do Bierzo coa nosa vila e co seu teatro: o de ser un dos seus fundadores. Quixeramos dedicarlle pois, a este gran poeta este pequeno texto e, na súa homenaxe,  escribilo no dialecto que utilizou nos seus poemas, ademais de facer uso do mesmo pola convicción e compromiso persoal con esta lingua histórica do Bierzo, que el reivindicou con valentía, a pesar de ser desprezada por muitos, sabedor de que constitúe unha das fontes da nosa riqueza patrimonial máis poderosa, parte esencial da idiosincrasia e sinal de identidade da nosa comarca. Aínda hai outra razón máis. Este texto, hoxe reformulado, estaba pensado para ser publicado nun número anterior da Revista de Estudios Bercianos, pero daquela chegou tarde. Ao demorarse a súa edición, emprendemos unha nova redacción que resultou coincidir no tempo coa celebración do Ano romántico, cando toda a comarca lembra a Enrique Gil, ese relevante home das letras bercianas que como unha pertinaz sombra parece perseguir e ocultar o brillo do cantor do Bierzo en galego, Fernández Morales, a quen inicialmente dedicaramos en exclusiva este artigo. A figura do autor cacabelense volveuse a ensombrecer, unha vez máis, ata o punto de ter que compartir a dedicatoria deste traballo con Enrique Gil y Carrasco. Para lograr logo un difícil equilibro no que a omnipresencia de Gil, o cantor do Bierzo en castelán, impida eclipsar a espléndida figura do cantor dos Ensayos poéticos en dialecto berciano, optamos pois por manter o uso desta última fala no presente escrito. 
A historia do Teatro no Bierzo atópase a todas luces incompleta, pouco estudada e lixeiramente desenfocada. Isto ocorre, en gran medida, polo tratamento desafortunado que, ata o de agora, veu recibindo en diversos estudos e aproximaciois existentes que puidemos ler e nas que se fala con desatino do Teatro e das artes escénicas en Vilafranca. Parten de dous erros: descoñecer a antigüidade do noso teatro e ignorar a existencia dunha Sociedade de Teatro na vila, que aínda que naceu con posterioridade a existente en Ponferrada, mantense esquecida a pesar de que a vila do Burbia e o Valcarce diferénciase da capital do Sil por ter conservado en activo o seu teatro romántico ata os nosos días, posto que o teatro romántico ponferradino, coetáneo do noso, desgraciadamente desapareceu nos anos sesenta do século XX. Con este traballo quixemos comezar a corrixir ese desequilibrio notorio a través da posta en valor que trata de aportar documentación sobre a fundación deste elemento patrimonial e cultural tan destacado do Bierzo como é o Teatro Vilafranquino. Desde a súa creación, coma un corazón cultural moi sensible ao sentir dos bercianos, marcou o latexar desta vila e da contorna ao longo de máis de dous séculos e medio. Os seus sentires e pesares, fixéronse presentes enriba do seu escenario, onde tiveron lugar desde 1843 unha chea de grandes festexos, celebraciois e loas.  Servirán estas palabras de memoria agradecida aos seus fundadores.
Finalmente manifestaremos un desexo: este espazo cargado de historia ben podería levar o nome de Enrique Gil y Carrasco, non tanto por ser o poeta e novelista romántico natural da vila máis coñecido, como por ser un dos mellores críticos teatrais da época asentado en Madrid e, á vez, figurar como socio fundador da denominada “Sociedad de Teatro de Villafranca”. Puntualicemos esta última aseveración. Gil figurará entre os socios desta sociedade grazas a un amigo seu que, así mesmo e en xustiza, debemos lembrar como un dos promotores desta loable iniciativa. Deste personaxe, do que, polo de agora, emulando certas tramas teatrais, teñan a amabilidade de permitirnos non desvelar o seu nome, adiantaremos xa que a súa amizade ten gran transcendencia á hora de reinterpretar a biografía do autor da violeta (asunto que como poden supoñer non pode ser obxecto central do presente traballo). Non cabe dúbida de que o feito de que Enrique Gil pertenza a dita Sociedade vilafranquina desminte, unha vez máis, todo o dito e escrito acerca da “antipatía” cara á vila na que nacera e da que reiteradamente falan autores tan prestixiosos como J.L. Picoche ao que neste punto emendamos humildemente.(2)



Aspecto actual do Teatro de Vilafranca do Bierzo.




A VILAFRANCA QUE VEU NACER  UNHA SOCIEDADE DE TEATRO
O documento central que nos moveu a escribir este apuntamento para a Historia do teatro no Bierzo remítenos a 1843, mediados do século XIX. Son os “Estatutos de la Sociedad de Teatro de Villafranca” nos que aparecen como socios precisamente os autores xa citados, Enrique Gil e Fernández Morales. Foi a casualidade a que trouxo ata as nosas maos este e outros documentos que gardan unha estreita relación coa vida política e cultural de Vilafranca do Bierzo, e os que nos van permitir realizar esta pequena e particular aproximación á historia local desta vila a través do seu teatro (3). Lembremos que como consecuencia das guerras napoleónicas e as novas ideas que se respiraban en toda Europa, a Vilafranca señorial do Marquesado entra no século XIX, época convulsa e aberta a cambios, acariñando o soño de ser capital de provincia. Como é sabido, no Trienio Liberal chegouno a ser por pouco tempo e de xeito un tanto circunstancial. Era tempo de reivindicaciois e promoción de sociedades. A pouco coñecida Sociedade Patriótica de Vilafranca en 1820 solicitara unha Universidade para a vila, e xa antes, a notable presenza dos abades constitucionalistas da Colexiata, anunciaban que algo estaba mudando e que, aquel soño provincial para o Bierzo e Valdeorras, podía ser realidade. A desaparición dos señoríos, o impulso do comercio e das comunicaciois eran necesidades obvias a reivindicar pola burguesía. Non é de estrañar que un home como o pai de Enrique, Juan Gil, buscase acomodo neste lugar que aspiraba a convertese en capital e que nel presenciemos a evolución dese absolutista convencido cara a posiciois liberais, movido polo interese de chegar a ser nomeado tesoureiro da nova e recentemente creada “Diputación Provincial de Villafranca” (4).
A fortaleza das conviciois dos veciños desta vila amosouse no destacado núcleo liberal capaz de resistirse coas armas á entrada dos realistas que, a pesar de todo, conseguirían restaurar a Fernando VIII. Coa volta ao absolutismo, o trono deu pulo as inevitables persecuciois ideolóxicas e purificaciois, tamén o soño daquela vila liberal foise ao traste. Logo, á morte do monarca, complícase o conflito coas guerras carlistas que a situaron claramente no bando Isabelino e liberal,  combatendo o Carlismo con afouteza e, máis tarde, comezou un proceso lento de transformación e de disputas entre progresistas e moderados, onde, a pesar de todo, a arela da capitalidade une a varias xeraciois de nativos e residentes interesados na prosperidade de Vilafranca e do Bierzo. Entre aqueles novos residentes está a familia de Antonio Fernández Morales, como veremos.  Mediado o século, esta poboación non se desprenderá das súas ambiciosas aspiraciois, nin dese espírito romántico, dado ao emocional e apaixonado. De ambos sentires participarán os nosos autores, Enrique e Antonio, e os dous darán testemuña escrita do seu compromiso. É o momento no que nace a Sociedade do Teatro.
Antes de introducirnos de cheo no retrato desa época que latexa cunha emoción palpable no propio documento, centro de interese deste traballo, cremos interesante reparar brevemente nos antecedentes da actividade dramática na vila do Burbia, volvendo a vista cara atrás. Para elo botaremos mao doutro texto que nos aporte luz sobre os momentos previos á localización do Teatro Vilafranquino na actual Praza Maior.


OS PRECEDENTES: ACTIVIDADE TEATRAL ANTERIOR AO SÉCULO XIX
Cando Antonio aínda era un estudante de Filosofía no Seminario astorgano, baixo da tutela do bispo liberal D. Félix Torres Amat, o mozo xa destacara como sarxento da Guardia Nacional en Cacabelos onde residira desde moi pequeno e entre xogos, cantos e contos comezara o seu coñecemento da fala popular do Bierzo. Comezaría ao pouco a súa formación militar en Valladolid,  sendo destinado máis tarde na infantería do Exército do Norte (Tui, Coruña...).  Sabemos que aquel novo e flamante capitán residiría por tempadas en Vilafranca. Efectivamente o poeta vive nesta vila intermitentemente na casa dos seus padres a longo da década dos corenta do século XIX, como recentemente confirmamos grazas a un dos restauradores da súa figura,  J. A. Balboa de Paz. Esta capital histórica e cultural con toda seguridade foi unha fonte de inspiración evidente para varios dos seus poemas (5).
Aquela mañá, Antonio saíra da casa cunha sensación reconfortante. Gozaba dun permiso e, tras dun longo tempo fóra do Bierzo, camiñaba dende o pontón da Barburiña cara á Praza Maior da vila. Os seus padres instalaranse había pouco nesta “villa que honores ten de ciudá” como un síntoma máis da prosperidade, das perspectivas e afáns da familia, que tivera anteriormente unha botica en Cacabelos e que trasladaran de aló para eiquí. Era día de feira e a praza do Campairo xa estaba chea de verduras, legumes, leña e palla, as rúas e as tabernas estaban moi concorridas.  No medio da Praza da Constitución Fernández Morales foi abordado por dous bos amigos do seu padre, D. Joaquín Saavedra e D. Manuel Díaz Maroto, influentes señores da política local coñecedores da valía daquel flamante capitán, liberal e isabelino.  Tras dun caloroso saúdo de benvida iniciaron unha conversa afable. Antonio soubo que viñan de compartir, había só uns meses, o pasado 11 de xullo de 1842, unha cordial e distinguida cea na vila: nada máis e nada menos que coa S. M. o Infante D. Francisco de Asís, ao que ofreceran un refresco e aloxamento na casa de D. Antonio María Toledo (6).
Aquelas persoas relevantes na vida política e cultural da vila e da provincia, promotores da capitalidade da vila, aos que tamén se sumaron Ramón Abaunza e o seu cuñado, D. Joaquín del Pino, recentemente chegado desde Madrid, íanlle propoñer acto seguido formar parte da súa Sociedade de Teatro. Faláronlle entón de establecer unha categoría de socios correspondentes, á que se acollería para pertencer á Sociedade, dados os períodos nos que estaba ausente por mor do seu servizo no Rexemento de Infantería e seguros de que a súa carreira militar aínda lle gardaría máis importantes destinos que o afastarían do Bierzo longas tempadas.  Polo que se ve, a súa personalidade, gustos literarios (talvez o escoitaran recitar xa algún dos seus poemas) e calidade humana, non pasaban desapercibidas en Vilafranca.
A vila, aínda que realmente fora por pouco tempo capital da Provincia chamada de Villafranca (7) de feito, seguira exercendo como tal para toda a contorna e con ese vigor romántico persistira nesa disposición política pilotada dende o propio goberno municipal.  Albergaba efectivamente unha interesante vida política e económica, á vez que unha substanciosa actividade cultural. Só temos que botar unha ollada, como faremos un pouco máis adiante, aos Estatutos citados para constatar unha nómina importante de autores que coinciden por estas datas no seu teatro.  Pero volvamos ao noso capitán, que é moi posible tratase de saber no seu faladoiro, os pormenores das obras do novo teatro e do acondicionamento do edificio da Casa Consistorial que se estaban acometendo e, curioso como era, preguntaríalles onde se facían representaciois teatrais de vello, se existían outros espazos na vila onde se representaran comedias con anterioridade.
 Os precedentes inmediatos á localización do teatro na Praza Maior aparecen documentados de xeito indirecto nun pequeno documento de dúas folliñas que tivemos ocasión de consultar a través dunha copia mecanografada, seguramente por Alberto Álvarez de Toledo, non hai moito tempo (8). Nesas follas descríbese a evolución da propiedade e usos do edificio que os veciños hoxe coñecemos como “Hotel Comercio”, un edificio que xunto a súa horta e anexos ocupan unha importante superficie e un lugar destacado e extenso dentro do casco histórico de Vilafranca. Aínda que leva xa uns anos pechado como establecemento hostaleiro, sería o hotel máis antigo da vila. A súa antigüidade está constatada nun rótulo que presenta na súa entrada principal:  HOSTAL COMERCIO: CASA FUNDADA EN EL S. XV.


Entrada do Hostal Comercio 
 O documento antedito indícanos que Gómez Ares de Valcarce, que efectivamente viviu no século XV, legara estas propiedades a súa filla Dª María de Valcarce, como consta no seu testamento que data de 1525. O home desta, Juan Freire de Andrade, viúvo xa, redacta o seu testamento no ano 1548, dispoñendo ambos esposos que este edificio pase a mans do seu fillo, Luis Freire de Andrade.  Pouco despois, o 18 de novembro de 1552, Luis Freire de Andrade vendeullo a D. Fadrique Álvarez de Toledo Osorio, terceiro Marqués de Vilafranca, inmoble que aparece no documento de compra-venda conxunto así descrito: “unas casas principales con su huerta y corrales y lagar y todo lo a ellas anejo y perteneciente, que yo tengo y poseo, mías propias en la Villa de Villafranca, junto a la fortaleza de ella y que han por linderos, de la parte de arriba, la dicha fortaleza y por las traseras la cerca de dicha Villa y fortaleza, y por delante la calle pública que llaman del castillo…
As propiedades pasan en 1573 ao irmao do padre do Marqués Don Fadrique, que se chamaba Juan Álvarez de Toledo e, logo, ao segundo fillo, tamén de nome Juan, quen en 1599 llelas arrenda por seis anos ás monxas da Nª Señora de la Laura para as que a duquesa de Alba e irmá do quinto Marqués de Vilafranca, Dª María Álvarez de Toledo y Colonna, pretendía fundar un convento na vila. Transcorridos eses seis anos comezará un litixio ao querer manter ás monxas neste espazo. Finalmente as relixiosas tiveron que marchar a Valladolid onde se funda un mosteiro co mesmo nome, que aínda existe. Namentres, a propiedade vilafranquina da que estamos a falar, permaneceu primeiro como vivenda dos descendentes de Juan Álvarez de Toledo e da súa esposa, Juana de Castro, ata que foi arrendada cara 1650 para diversos fines como ser usada como depósito de sal.
Entre os usos varios deste gran edificio, aparece un espazo, sen precisar en detalle, dedicado a teatro. Estamos falando do século XVII, século no que o teatro era un xénero amplamente estendido e popular (9). A pesar das poucas referencias que se teñen algunha constancia puntual temos de representaciois na Colexiata de carácter paralitúrxico e outras realizadas dentro do ciclo de festexos anuais, tipo Corpus ou semellantes(10). Contamos, por outro lado, cun relatorio que máis adiante comentaremos que enuncia as datas nas que se programaban habitualmente espectáculos en Ponferrada “Carnaval, Pascua de Resurrección, La Feria de Mayo, Fiestas de la Encina y Fiestas de Navidad”.  Podemos supoñer que en Vilafranca, de xeito semellante, se programarían representaciois nesas datas, cambiando as festas e feiras locais, claro está, que tamén na nosa vila terían que sortear por igual os problemas para representar sen censura, pois o bispo de Astorga outorgaba licenza para a realización de funciois teatrais coa obriga de gardar a compostura e de contribuír, cos cartos que se recadasen, a un ben público da localidade ou a beneficencia, sendo supervisado este proceso polas autoridades locais. É de destacar polo tanto a dependencia que tiñan das autoridades eclesiásticas estes festexos.
En todo caso, e volvendo ao edificio do Hotel Comercio en 1835, a casa da que era arrendatario un tal Ángel Gerbolés (11) sufriría un aparatoso incendio. Sabemos, polo documento antes citado, que este señor non tiña arrendada a bodega onde antes estuvo el teatro”. Logo, antes do século XIX, a actividade teatral en Vilafranca está documentada e tiña un espazo escénico de referencia do que, polo de agora, non contamos con máis testemuñas.
Precisamente cara ao Hotel Comercio anos máis tarde, no mes de marzo de 1847, camiñaba Antonio. Antes de entrar polo seu portalón e subir as amplas escaleiras, lembraría aquela conversa tida anos atrás na praza e que lle viñera á cabeza ao observar as grandes portas que daban aos baixos daquel edificio onde se representaran as obras teatrais en tempos pasados.  Certamente, Fernández Morales acariciaba a atrevida idea de publicar algún dos seus ensaios dramáticos que por mero entretemento levaba a cabo nas súas horas de ocio, e aquel día, a través dunha carta de recomendación, dirixíase a un dos encontros transcendentais da súa vida como autor, segundo confesaba el mesmo (se facemos caso das indicaciois, un tanto literarias de Ramón Carnicer). Ía entrevistarse naquel Hostal co eminente frenólogo Mariano Cubí, que eilí se hospedaba, e grazas ao que nacería, tempo despois, a creación poética en galego do Bierzo de Morales. Morales no Prologo da súa obra editada en 1861 e escrito en castelán di del: “ Tampoco hubiera llevado a cabo la composición de los que ahora me hacen quebrantar aquel propósito, si para ello no hubiera sido vivamente estimulado por mi excelente amigo, el eminente frenólogo y filólogo D. Mariano Cubí y Soler, cuando en años ya remotos tuve la inapreciable satisfación de conocerle. Las reiteradas, honoríficas deferencias de marcada estimación y cordial afecto con que me ha distinguido siempre y mi tan vivo como justo deseo de complacerle, sirvanme ahora de escusa siquiera para abordar unha empresa que, si bien quizá sencilla y facilmente accesible a las ricas dotes y admirables facultades intelectuales de cualquiera de nuestros distinguidos poetas contemporáneos, ha dado en mis manos el pálido resultado ya previsto, corroborando en el terreno de la práctica mis previas desconfianzas y fundados temores.” (12)

Nós pensamos que efectivamente aquel libro vería á luz grazas á amizade de Morales co frenólogo catalán nacida naquela visita ao Bierzo, pero tamén é de subliñar que foi decisivo o contacto fluído que dende 1847 e, polo menos, ata a publicación dos Ensayos poéticos de Morales en 1861, mantiveron por vía epistolar. Isto pode intuírse pola introdución que incluía o libro editado en León e que tiña 35 densas páxinas que foron redactadas polo propio Mariano Cubí despois de intercambiar correspondencia e coñecer así unha serie de composicións e o catálogo de voces que conforman o poemario. Cremos ademais que en 1847 o controvertido personaxe deu unha charla na vila do Burbia non sendo estraño que o fixera no propio Teatro, aínda que deste acto non se nos conserven referencias documentais. Faise tamén obvio que na década dos 40 os veciños da vila sabían que Morales era, nos seus ratos libres, poeta e que gustaba do xénero dramático (se cadra tamén fixera algunha obriña pois el mesmo fala da existencia de “ensayos dramáticos” seus). Esta última afirmación está contrastada coa súa pertenza á Sociedade de Teatro villafranquina da que falaremos a continuación.

( IR A SEGUINTE)

Notas: (1)     Nacera a raíz da nosa comunicación, aínda inédita, titulada : Morales e o Rexurdimento do galego no Bierzo  que tivo lugar no transcurso da VI Escola Permanente Fermín Penzol que organizou a Universidade de Vigo e que se desenvolveu entre o 7 e 8 de outubro do ano 2011 nas localidades de Cacabelos e Ponferrada. Debemos indicar (xa que é o centro de interese deste traballo) que lamentablemente non se realizou ningunha sesión do evento no teatro de Vilafranca debido a unha torpeza dos organizadores e das autoridades locais.
(2)     A nosa comunicación no próximo Congreso Gil y Carrasco que se desenvolverá a partir do 15 de xullo do 2015 na súa vila natal e que logo, de xeito itinerante, pasará por Bembibre e Ponferrada,  terá precisamente como fío condutor a traxectoria en paralelo de ambos bercianos e pretende desentrañar a transcendencia da amizade destes dous personaxes, que ata o de agora era, en gran medida, para os estudosos pouco relevante como consecuencia de descoñecer a súa verdadeira dimensión.
(3)     Habitualmente, Morales utiliza o nome de “Villafranca”, así como tamén a palabra “villa”, pero seguindo os criterios de coherencia filolóxica que levaron ao Padre Sarmiento a usar a grafía procedente do dobre -ll- latino, como un -l- simplificado, por exemplo para dicir “vila” ou “Vilela”, do mesmo xeito, nós usamos a de “Vilafranca”  seguindo ao polígrafo erudito natural do Bierzo e nacido nesta vila. Tamén evitamos usar os apóstrofos típicos do XIX que usaba Fdez. Morales así como unha chea de castelanismos e formas verbais que regularizamos. Colocamos acentos gráficos cos criterios do presente século conservando os plurais en –ois e as palabras acabados en –ao.
(4)     Nun artigo moi interesante e revelador titulado: Una nueva mirada sobre la vida y la obra de Enrique Gil y Carrasco,  publicado no 2001 en edición do Archivo histórico parroquial de la Basílica de Ntra. Sra. de la Encina, o seu autor, Vicente Fernández Vázquez, fai referencia a un litixio que logo acredita cun apéndice documental onde personaxes sinalados do liberalismo de Ponferrada acusan a Juan Gil dun desfalco dando conta da súa peculiar traxectoria vital e o seu paso por Vilafranca “en donde fue (cuando aquella villa era capital) individuo de la sociedad patriótica y solicitó la tesorería de la Diputación Provincial, destino que no obtuvo por falta de fianza...” . os feitos aos que se fai referencia ocorren entre os anos 1820 ao 1823, xusto antes de instalarse toda a familia de Gil en Ponferrada, onde ten lugar dita denuncia que se produce, varios anos máis tarde, no ano 1831.
(5)     Botamos en falta unha boa biografía deste autor e tamén  queda por abordar a súa obra desde diversas perspectivas, a pesar de que contamos xa, grazas ao IEB, cunha importante reedición dos seus Ensayos poéticos en dialecto berciano en 2003, que inclúe aportes moi significativos de J.A. Balboa, Anxo Angueira e Rosario Álvarez. Agora que xa sabemos que foi posible, preguntámonos se coincidirían en Vilafranca ambos cantores do Bierzo, Enrique e o noso  capitán (só dous anos máis novo que Gil) nalgunha desas estancias temporais. Quizais nunca podamos saber se esa circunstancia se deu, pero podemos imaxinar que de producirse este encontro, mesmo terían algunha conversa de carácter literario digna de escoitar.
(6)     As actas municipais pertencentes a ano 1842, que se conservan no consistorio vilafranquino e que puidemos consultar por deferencia da actual Alcaldesa de Vilafranca Conchi López Blanco e Concelleiro de Cultura Luisma P. Gaztelumendi, certifican e detallan o paso pola vila do Infante na data antedita.
(7)     A Provincia que se chamou de Villafranca e que foi proclamada no 22 de xaneiro do 1822, a pesar de que foi derrogada meses despois, tras o regreso do absolutismo, oficiosamente se prolonga ata a nova configuración do Estado aprobada no ano 1833.
(8)     Pensamos que esta copia foi realizada nos anos 90 do século XX e que lla fixo chegar ao meu pai, Héctor J. Silveiro Ares, a raíz dalgunha das súas conversas sobre a historia local, un dos temas favoritos nas dilatadas charlas e azarosos encontros de ambos interlocutores.
(9)     O Século de Ouro da literatura dramática castelá con autores tan prolíficos e coñecidos como Lope de Vega.
(10)  Citadas nas páxinas 37, 38 e 39 do libro da nosa autoría Palillos de madeira. Os Xigantes de Vilafranca do Bierzo editado pola Asoc. Cultural Escola de Gaitas no ano 2010.
(11)  Que se dá a casualidade de que é un familiar meu, dos máis vellos que coñezo por vía materna.
(12)  Con este tópico da humilitas ou de captatio benevolentiae, o noso autor recoñece no Prólogo a insistencia decisiva de Mariano Cubí para que a obra fose editada. Por outra parte, no segundo poema do libro que lle dedica afectuosamente a Cubí, Morales descóbrese efectivamente un escritor xa en galego berciano a altura do ano 1847, pois o poema coincide co seu paso por Vilafranca, como documenta Ramón Carnicer no seu ensaio sobre o controvertido personaxe editado no ano 1969 en Barcelona baixo o título “Entre la ciencia y la magia de Mariano Cubí”, dedicando todo un capítulo a súa estancia en Vilafranca. Ese capítulo, o número 12, foi confeccionado, como confesa Carnicer con máis retranca que rigor, consultando unha única fonte bibliográfica: QUINDóS, Fermín: Memorias (manuscrito inédito en poder del autor).  Carnicer faise eco tamén das palabras do propio Cubí na introdución ao libro que “enfáticamente, hace constar que acaso el berciano habría nacido, vivido y muerto como individualidad idiomológica sin tener ningún monumento escrito, a no haber él incitado Fernández Morales a escribir sus ensayos poéticos”.