venres, 7 de outubro de 2016

MORALES E O TEATRO DE VILAFRANCA (e IV).

O TEATRO ROMÁNTICO DA CAPITAL HISTÓRICA DO BIERZO
E OS SEUS SOCIOS FUNDADORES ENRIQUE GIL E FDEZ. MORALES

 Héctor M. Silveiro Fernández


UN PRESTIXIOSO GRUPO DE SOCIOS: OS SOCIOS CORRESPONSALES

            Será na lista denominada de “socios corresponsales” onde se deixa ver esa relevancia especial que  os promotores da iniciativa outorgaban ao feito de incorporar a intelectuais de clara traxectoria liberal, de valía e renome. Son todos eles destacadas personalidades políticas e culturais do Bierzo do século XIX. Tamén está claro, resulta evidente, que este grupo de persoeiros destacados foron feitos socios a partir dunha relación cos socios residentes habitualmente na vila cos que mantiñan unha relación obvia. Hai casos nos que a proximidade parte do parentesco, como o de Fernández Morales e o seu pai, ou a dos irmaos Saavedra,  D. Pelegrín e D. Joaquín.  Nos restantes casos podemos intuír outras relaciois  debidas a motivos sobre os que preferimos non especular, aínda que algunhas son facilmente deducibles polos datos que ofrecemos a continuación.
           
O primeiro na lista é D. Pelegrín Saavedra, cremos que se trata do irmao de Joaquín Saavedra, unha familia afincada en Vilafranca e que aparece citado na crónica xurídica do 1839 como membro da xudicatura que pasa de Toro a Logroño. Nas actas municipais vilafranquinas cítase como Arcebispo de Valencia en 1842 e máis adiante será un dos promotores do camiño de ferro en Alicante en 1844. En 1848 será nomeado supernumerario Caballero de la Real orden de Carlos III.

O segundo D. Enrique Gil é o noso poeta romántico, autor da novela El Señor de Bembibre
que se publica por entregas en prensa ese mesmo ano de 1843, e aínda que, tras nacer na vila, logo se mudou coa súa familia a Ponferrada e a pesar de que certos estudosos  reiteran que non tivo máis relación coa súa vila natal, eiquí temos un dato que o contradí.  En 1843 Gil atópase entre a nómina de autores  que colaboran nun compendio colectivo de artigos costumistas titulado Los españoles pintados por sí mismos,  y aparecen en El Sol, los escritos que formarán o Bosquejo de un viaje a una provincia de interior, redactados no vrao do 1842. Ofrece ao editor Francisco de Paula Mellado a súa novela El Señor de Bembibre. Ademais de ser columnista en El Laberinto, revista fundada por Antonio Flores, desde novembro do 1843 ata que marcha a Berlín en abril de 1844, como diplomático do goberno de González Bravo, último destino da súa curta existencia asediada, nestes últimos anos, pola enfermidade. Morreu un 22 de febreiro de 1846 e hoxe os seus restos, despois dunha expatriación azarosa e digna de mención, repousan na vila en que naceu na igrexa de San Francisco, onde as súas sombras descansan para sempre, caprichos do destino, á beira das fantasmas dos Condes de Lemos, D. Pedro e dona Beatriz,  que foran antano soterrados neste templo. Sería todo un cumprido que no bicentenario do seu nacemento a súa vila natal decidise finalmente darlle o nome de Enrique Gil y Carrasco ao Teatro que el axudou a fundar.

                O terceiro da lista, como xa se ten dito, é D. Antonio Fernández Morales, o autor dos
Ensayos poéticos en dialecto berciano (1861).  Este autor garda con Vilafranca e co seu teatro unha relación ben próxima e transcendente. Aínda que non coñezamos ningún do seus ensaios dramáticos, podemos asegurar polos poéticos que gozan dun gran achegamento ao xénero teatral pois os diálogos son a fórmula frecuente, encomiable e áxil que escolle e resolve con destreza.  En Vilafranca se descubriu como autor grazas a insistencia de Mariano Cubí, como quedou dito. E, sen aminorar a presenza do Cacabelos onde repousan os seus restos, ou de Ponferrada, lugares aos que ecuanimemente cantou, as xentes daquela vila franca, garrida, sencilla, os seus costumes e os da súa contorna terán unha fonda pegada nos seus versos. Morales, vén a ser como o reverso literario da moeda máis valiosa da creación poética do Bierzo do XIX e cuxa cara é Gil y Carrasco. Por iso faise tan absurdo como inxusto esquecer a súa valente aposta pola fala popular, silenciando así tamén un baluarte esencial da nosa identidade como bercianos. 

Outra personalidade pouco coñecida e certamente relevante neste asunto do Teatro é D. Joaquín del Pino, nacido en León, pero vinculado a Vilafranca, de onde era a súa nai. O seu interese por Vilafranca quedará patente, ademais de por estar ligado á fundación da Sociedade de Teatro, por unha serie de acontecementos como o da construción dun ramal de ferrocarril de Toral a Vilafranca do Bierzo. Mantén unha ligazón importante coa súa vila natal, onde tiña familia, a pesar de residir habitualmente en Madrid.  Nos círculos literarios da corte madrileña era coñecido como un amigo íntimo  de Enrique Gil y Carrasco, mesmo despois da súa morte. Lembremos que será un dos editores da súa obra. Tras casar coa filla do Marqués de Montevirgen a súa influencia política medrou substancialmente. Será escollido deputado na década dos 70 por León como tamén o será Fernández Morales. Está soterrado no cemiterio de Vilafranca do Bierzo (24).

          Imos permitirmos como licenza saltar ata o sétimo da lista para colocar inmediatamente despois de Joaquín del Pino ao seu estimado amigo D. Pío Castañeda. da súa gran amizade existe abundante documentación e as actas municipais dan fe delo. Pese a que a Deputación Provincial de León data de 1813, Pío Castañeda considérase o seu primeiro Presidente nomeado en 1871. A pesar do seu cargo, foi un dos maiores baluartes de Vilafranca en todo momento e firme defensor da súa capitalidade a mediados do XIX.

             O quinto da lista é D. Juan de Mata Albarado (ou Alvarado). Foi Xuíz de primeira instancia en Vilafranca ata o ano 1839 coa que mantería unha relación fluída por un tempo. En 1843  formaba parte do Tribunal da Real Audiencia da Coruña e no ano 1844 foi un dos maxistrados do coñecido caso do lobishome galego, Manuel Blanco Romasanta. Ningún maxistrado, a excepción de Juan de Mata Alvarado  repetiría a sentenza que, segundo Rúa Figueroa, tivo a ocasión de xulgar dúas veces ao mesmo reo e as dúas  condenalo a morrer no garrote, aínda que finalmente sería indultado pola raíña. D. Luis Toledo é o persoeiro que pecha a lista de “socios corresponsales”, fora sarxento da Milicia Urbana (así consta en 1835) e un ano antes a inauguración do teatro e da presentación da súa flamante Sociedade vivía en Vilafranca. Debeuna abandonar por pouco tempo para desempeñar un cargo, que non puidemos determinar, na Coruña para regresar de novo, pois nas actas do 1844 figura como membro da corporación municipal.

Finalmente forman parte desta curiosa lista dúas persoas que están nela a pesar de non nacer, nin vivir en Vilafranca. Pero si residen no Bierzo, a uns quilómetros da vila e do seu teatro, o que lle outorga a Sociedade un dándolle un verniz panberciano. D. Manuel Cardeña, debe ser Manuel Cardeña y Heredia, rico e nobre cabaleiro vecín de Cacabelos, que segundo apuntaba no ano 1957  Mariano Enríquez nas Notas Históricas del Bierzo,  recollera no ano 1854  a tradición relativa á  Virxe da Angustia dicindo "que fue encontrada la imagen al sacar el descomunal lagarto de su madriguera y darle muerte los vecinos de Cacabelos por los daños que causaba en los ganados y demás". A esta virxe cantaría máis tarde Fernández Morales nun poema que encabeza os seus Ensayos poéticos en dialecto berciano. Se cadra foi el ou o seu padre, que fora boticario en Cacabelos, quen o invitou a participar desta Sociedade vilafranquina.

O outro personaxe é D. Lorenzo Fuentes, quen figura xa en 1830 como intérprete, pintor e decorador na Sociedade de Teatro de Ponferrada da que será presidente en 1867 momento que dita asociación sufrirá unha profunda crise que a leva á desaparición. A súa relación con Vilafranca debía ser fluída posiblemente pola afinidade ideolóxica con personaxes desta vila. As dúas Sociedades de Teatro, a de Ponferrada e a de Vilafranca, responden a unha mesma etapa, a romántica, e a mesma estratexia: a de consolidar unha ferramenta con grandes posibilidades de transmitir ideas, de remover conciencias e creación dun novo espírito entre as xentes. De aí a aposta dos políticos liberais que tanto en Ponferrada, como en Vilafranca impulsan e arroupan o seu nacemento. Lorenzo Fuertes, un dos artífices da construción dun novo teatro en Ponferrada no antigo convento dos Agustinos. Xa sinalamos que non era casualidade que fose no mesmo ano no que se estaba a estrear o novo espazo escénico en Vilafranca. O achegamento deste ponferradino á Vilafranca é unha demostración que existía certo espírito conciliador. Como se demostra tamén nunha anécdota que protagonizan ambas Sociedades en 1857. Dito episodio supón ademais unha proba da pervivencia e vitalidade da Sociedade de Vilafranca que organizou unha visita a Ponferrada á representación de “Isabel la Católica”, á que asiste case en masa sendo obsequiados pola Sociedade de Ponferrada con refrescos e outros agasallos. Daquela a de Ponferrada sabemos levaba tres anos de “desgana”. Non lle faltarían a vilafranquina etapas de desidia, cousa habitual en calquera asociación, aínda que non podamos certificalo ao descoñecer o paradoiro do seu libro de actas.  Lorenzo Fuentes será o presidente e director de escena da Sociedade Ponferradina dende o ano 1861 e a súa filla logrará un máis que éxito notable polas súas interpretaciois, como a acadada na do Macías de Larra (25).

Que estea Gil nunha iniciativa do liberalismo moderado encaixa perfectamente no seu ideario político e contribúe, ademais de reafirmarse como home de teatro, a definir por un lado os seus ideais políticos, porque este tipo de acciois ían encamiñadas á incorporación dun elemento esencial da propagación da cultura. Como lembra M.A. Varela en Un hombre de teatro llamado Enrique Gil  “buena parte de las ideas de Gil pueden extraerse de las opiniones dispersas en los artículos de crítica literaria y, especialmente, de las teatrales. El teatro, un género que es la expresión literaria más completa de la época presente, la que más influjo está llamada a ejercer sobre la actual sociedad”. O 14 de novembro de 1838 o noso autor, nunha das súas críticas teatrais, insistía esperanzado en ver o teatro “como único medio que nos resta de comunicación directa con las masas, es el que queda en posesión de tan preciosa prerrogativa” posto que “ la discusión parlamentaria versa en general sobre los intereses más que sobre las ideas... la prensa periódica, perdida entre los debates y enconos de los partidos... no inocula el germen del sentimiento en el corazón del pueblo. Las escuelas y colegios tampoco aciertan a formar otra cosa que la cabeza, desacordando de este modo las facultades de nuestro ser. El púlpito...tampoco ejerce la saludable influencia que con tanta justicia le mereció en otro tiempo la iniciativa social” (26).

De entre esas ideas de renovación social que Gil defendía emerxe con forza unha. Gil certifica o seu compromiso pola terra natal e polas aspiraciois provincialistas dos bercianos ás que el mesmo, como escritor recoñecido da época, aportará algo que outras persoas non podían ofrecer como é: poñer en valor a terra berciana a través dos seus artigos nas revistas máis prestixiosas da Corte. O seu apoio á causa da Provincia consiste nesa firme convicción de centrar o seu discurso literario na súa terra, converténdoo na súa constante fonte de inspiración, tanto en prosa coma en verso.

Que Morales sexa un socio destacado nesta lista tamén nos axuda a entender a evolución ideolóxica deste outro grande autor e da dimensión real do seu bercianismo. O que daquela era capitán de infantería e un convencido isabelino, estaba instalado nun liberalismo moderado, que seguramente acaíalle mellor ao ideario do seu padre, como de feito comprobamos se seguimos a súa traxectoria vital. Non tardaría en abrazar, sen medias tintas,  o progresismo e mesmo o ideal republicano.  Non nos cabe ningunha dúbida tampouco do seu compromiso coa terra a que cantou e a reivindicación da causa da Provincia, como os seus versos máis citados deixan entrever naquel poema dedicado á capital histórica do Bierzo: 

Cual tesoro q´a codicia
de dous avaros escolta
con xusticia, ou sin xusticia,
tira por ela Galicia,
mais Castilla non a solta.

Do poema Villafranca y a vendima


A MODO DE EPÍLOGO

Se o documento base do presente traballo é unha primicia que constata a presenza dunha iniciativa loable na vila de Vilafranca do ano 1843 e ofrece unha data concreta para a fundación do único teatro romántico do Bierzo e de León que segue en funcionamento na actualidade, ten ademais outra compoñente non menos importante a de ter entre os seus fundadores a dous autores, ambos cantores do Bierzo por excelencia, un en galego o outro en castelán, que no conxunto da súas composiciois nos transmitiron a transcendencia da nosa terra, dos seus costumes, das súas linguas ou dialectos.

Un triplo desexo para concluír. O primeiro dirixido ás autoridades locais. Por ser Gil, o autor de crítica teatral máis destacado do momento, natural de Vilafranca,  neste ano Romántico propoñemos novamente que sexa Enrique  Gil y Carrasco quen lle dea nome ao Teatro de Vilafranca que ata hoxe en certa maneira permaneceu anónimo como á espera deste recoñecemento tan fermoso como emotivo agasallo da súa vila natal no seu bicentenario. A proposta está feita coa intención de reforzar así tamén o seu potencial futuro que ten como fundamento a experiencia pasado e o vigor co que mantén no presente a actividade cultural da que todo berciano recoñece como capital histórica e da cultura do Bierzo.

Outramente o segundo dos desexos quixeramos facelo chegar ás autoridades autonómicas e estatais. Esperemos que estas palabras sirvan para poñer en valor un espazo único na nosa comarca. Poucos como este hai na Comunidade de Castilla y León e cremos que é de xustiza que figure entre os arredor dos 80 teatros españois do século XIX que aínda están en pé, a maioría fundados con posterioridade ao noso. Reclamamos, pois, que as autoridades e responsables de Patrimonio teñan a ben intervir na restauración respectuosa que este teatro singular e emblemático merece, e, aínda que o Bierzo non se configurase como Provincia  (si como unha comarca) soubo na súa capital histórica conservar en activo este teatro desde a súa fundación ata os nosos días. Debería incorporarse definitivamente a ese selecto grupo de espazos escénicos considerados monumentos históricos a preservar, consideración que teñen xa teatros das grandes capitais do Estado, os impostos e os investimentos deben ser descentralizados e chagar a todos por igual. 

O derradeiro dos desexos é o máis doado de cumprir, aínda que non é menos laborioso. Vai dirixido a nós mesmo ou a calquera amante da cultura e do teatro no Bierzo. Quixeramos abordar unha investigación que servise para elaborar unha memoria dos máis dous séculos e medio de vida deste singular espazo, un repaso detallado dos eventos máis significativos que se viviron no Teatro vilafranquino, unha lembranza dos autores, actores, obras representadas, (ou máis tarde proxecciois cinematográficas de cando foi explotado e cedido como cine a unha empresa particular, sen deixar de cumprir os seus compromisos como teatro) e todo un sen fin de experiencias parateatrais, conferencias e iniciativas que se produciron nestes 272 anos de existencia.

 Estamos convencidos de que ese retrato ofrecerá unha panorámica fiel e peculiar do fluír cultural do Bierzo, pois se para a súa fundación comprobamos que se logrou unir un elenco tan destacado do mundo intelectual do século XIX, se pasamos ao XX veremos saír e entrar deste teatro, a partir da renovación efectuada en 1905 a personaxes como Policarpo Herrero, un dos máximos accionistas daquelas obras comprobando como Demetrio Monteserín pintaba un magnífico telón de estilo neoclásico e o mural que loce aínda hoxe a parede frontal sobre o escenario aconsellado quzais polo tamén artista Primitivo Armesto. Entraría logo “pra o baile que tein despois dos teatros nos salois” un Carnicer que aló polos anos 20 participaba como un máis da “democrática marabunda de la que salían cuentos y preñeces para todo el año” que efectivamente el narraría nunha Róbriga moi vilafranquina na que había un teatro que elevaba “hasta el escenario el nivel del patio de butacas”. Unha longa nómina de autores nacidos na “cidade dos poetas” como denomina Mestre a Vilafranca farán acto de presenza, uns recitando ou contando en castelán, como Antonio Pereira, ou escribindo obras pra representar en galego, como Ramón González-Alegre. Asomaranse a el escritores e activistas culturais do Bierzo que invitan a coñecer este teatro a outros non nativos, así pisarán as súas táboas poetas, como Gamoneda, galardoado co Premio Cervantes, ou académicos das Letras galegas, como Méndez Ferrín que veu en sesión plenaria para homenaxear ao ilustrado galego e berciano Martín Sarmiento, natural desta vila (27). Tantos homenaxes, tantas e tantas celebraciois e facetas que recordar, como a da música e dos músicos que por eiquí pasaron, non en vano é o noso veciño, un compositor tan relevante para este século como Cristobal Halfter.  Pero non adiantemos acontecementos e deixemos esta crónica do Teatro Vilafranquino xusto no seu inicio no ano 1843 un 13 de xullo de 1843 cando se celebra en Vilafranca e no seu teatro a festa da maioría de idade de Isabel II, crónica que esperamos poder iniciar tras do Congreso Internacional Enrique Gil y Carrasco y el Romanticismo que precisamente o próximo 15 de xullo vai iniciar as súas sesiois neste Teatro romántico.

NOTAS:
24)      Insistimos en que este personaxe que se mantivo oculto en gran medida aos ollos dos estudosos de Enrique Gil aporta unha serie de datos descoñecidos sobre o autor que, como este que traemos eiquí, o de promover a Sociedade de Teatro en Vilafranca, resultan de gran interese pois iluminan aspectos desenfocados, cando non deformados pola crítica, polo que, como xa temos dito máis arriba, traballamos nesa análise pormenorizada da relación de amizade de ambos bercianos considerados “irmaos políticos”.
25)     A cita é do artigo Cuarenta años de teatro en Ponferrada de Esteban e José Antonio  Carro Celada, en Tierras de León, nº 16 páx. 42-58.
26)     Tiradas do Prólogo Un hombre de teatro llamado Enrique Gil de M. A. Varela do Libro da Colección Biblioteca Gil y Carrasco dedicado á Crítica Teatral.
(27)     Dito sexa de paso e moi sucintamente, por máis que haxa quen aventure outra orixe distinta á berciana para Sarmiento, os lugares propostos como o de Cerdedo, conservan libros parroquiais íntegros onde o nome de Pedro Josef García Balboa non consta, polo que seguimos reafirmando a certeza de que Sarmiento naceu no Bierzo.


BIBLIOGRAFÍA
ALONSO ABELLA, H. Villafranca del Bierzo, guía da Editorial Everest. León 1984.
ALONSO CORTÉS, N. El teatro en Valladolid. Siglo XIX. Versión dixital en PDF da orixinal de 1947.
ÁLVAREZ POUSA, C. e COSTAS GONZÁLEZ, X.H. Escolma de poesía berciana en lingua galega (1860-1960) edicións Positivas 2002
CARNICER, R. Entre la ciencia y la magia de Mariano Cubí, 1969.
CARNICER, R. Los árboles de oro, Seix Barral 1962
CARRO CELADA, E. y J.A. Cuarenta años de teatro en Ponferrada, Tierras de León nº16.
FERNÁNDEZ GARCÍA, E. León y su actividad escénica en la segunda mitad del siglo XIX, 1997.
FERNÁNDEZ MORALES, A. Ensayos poéticos en dialecto berciano, edición facsimilar co prólogo de Mariano Cubí i Soler, e estudos de J.A. Balboa de Paz, Anxo Angueira, Rosario Álvarez, edición do Instituto de Estudios Bercianos 2003.
FERNÁNDEZ VÁZQUEZ, V. Una nueva mirada sobre la vida y la obra de Enrique Gil y Carrasco,  Archivo histórico parroquial de la Basílica de Ntra. Sra. de la Encina, 2001.
GARCÍA GONZÁLEZ, M.J. Historia del Bierzo. Diario de León e Instituto de Estudios Bercianos 1994.
GIL Y CARRASCO, E. El Señor de Bembibre. Volumen VII, Colección Biblioteca Gil y Carrasco. II Centenario 1815-2015, (2015).
MARTÍN SARMIENTO, Fr. Colección de voces y frases gallegas, edición de J.L. Pensado, Universidade de Salamanca 1970.
MESTRE, J. C. e MUÑOZ SANJUAN, M. A. Historia secreta de la melancolía, estudo complementario para El Señor de Bembibre. Volumen VII, Colección Biblioteca Gil y Carrasco. II Centenario 1815-2015, (2015).
PICOCHE J.L. Un romántico español: Enrique Gil y Carrasco. Ed. Gredos 1978.
PICOCHE J.L. Un romantique espagnol: Enrique Gil y Carrasco. Tese doutoral en versión PDF da Biblioteca Virtual Biblioteca Gil y Carrasco. II Centenario 1815-2015 versión PDF do documento orixinal en francés da  Universidade de París 1972.
SILVEIRO FERNÁNDEZ, H.M. Morales e o Rexurdimento do galego no Bierzo  (texto inédito) da comunicación na VI Escola Permanente Fermín Penzol,  Universidade de Vigo, 2011.
SILVEIRO FERNÁNDEZ, H.M. Palillos de madeira: Os Xigantes de Vilafranca do Bierzo Asoc. Escola de Gaitas 2010.
VARELA M. A. Un hombre de teatro llamado Enrique Gil.  Crítica Teatral. Volumen IV, Colección Biblioteca Gil y Carrasco. II Centenario 1815-2015, (2014)
VV.AA. VI. Antología de escritores bercianos, editada polo Instituto de estudios Bercianos e o Exmo. Ayuntamiento de Ponferrada 2007.

WEBS:
MADOZ, P. Diccionario geográfico-histórico-estadístico de España y sus posesiones de Ultramar.1846-1850 http://www.bibliotecavirtualdeandalucia.es//catalogo/consulta/registro.cmd?id=6353
http://gl.wikipedia.org/wiki/Provincia_do_Vierzo.
Wiquipedia http://es.wikipedia.org/wiki/Teatro_Villafranquino.