mércores, 15 de marzo de 2017

Morales dialoga co futuro











Os ninos e ninas do Bierzo inauguraron onte as celebraciois do bicentenario de Antonio Fernández Morales. Imos tentar recompilar algúas das creaciois plásticas que sobre os versos do noso autor realizaron nos distintos centros de Primaria do Bierzo que participaron nas IX Xornadas Martín Sarmiento, que como dixemos inauguraron os eventos que se preparan para celebrar este ano do bicentenario do autor dos Ensaios poéticos en dialecto berciano.

As IX Xornadas Martín Sarmiento cumpriron un ano máis varios dos obxectivos que se marcaron. En primeiro lugar, deron comezo a un ano de celebraciois sobre Morales cuxa finalidade principal é dar a coñecer ao autor entre a poboación berciana neste caso entre os máis novos. Os Intercambios escolares Martín Sarmiento fixeron posible que unha idea sinxela que partiu ademais dun dos centros de Primaria fose acollida con ilusión por parte de todo o colectivo de mestres e mestras do Programa de promoción do galego desta etapa na comarca (os 12 centros públicos aos que se sumou tamén un colexio concertado de Vilafranca) asumiron este reto de crear composiciois plásticas coa figura e os versos de Morales como fío condutor enchendo as rúas e propio teatro neste Día do galego nos centros do Bierzo, nunha manifestación alegre e viva. Temos que sinalar eiqui a contribución do colectivo As Médulas que axudaron tamén na exposición final dos máis de 50 traballos elaborados.  

Os Intercambios escolares de Secundaria nos que participaron a totalidade dos alumnos/as do Programa de galego na primeira das sesiois da Xornadas comezaron cunha presentación a cargo do coordinador das mesmas da exposición que prepara para este bicentenario a Comisión Cultural Martín Sarmiento titulada Antonio Fernández Morales e o galego no Bierzo. Esta exposición pretende explicar como a lingua galega dende a súa máis antiga orixe se foi asentando, medrando e dando fruitos na nosa comarca ata chegar á epoca e a obra de Morales do que se detallan aspectos biográficos ideolóxicos e literarios. Tratase dun material de carácter didáctico que se pretende expoñer de xeito itinerante a partir do mes de maio.
De todos os xeitos o centro desta sesión foi a dramatización de poemas do noso autor tan amigo do teatro e que superou con muito a expectativa creada. Foron en total 5 pequenas representaciois de moi variada fórmula que nos sorprenderon aos presentes gratamente e das que os seus protagonistas quedaron mui satisfeitos.

A primeira das dramatizaciois correu a cargo dos alumnos/as do IES Bergidum Flavium de Cacabelos que escolleron unha pequena parte do poema O Fiandón da aldea en concreto no momento no que se levan a cabo esa especie de adiviñas tan divertidas denominadas as cousiliñas.



A segunda das postas en escena foi o poema O Entroido realizada por un numeroso grupo de alumnso/as do IES Europa de Ponferrada, unha representación moi colorista e viva dun poema cheo de chanzas e festa.


A terceira sobre a parte da vendima do poema Villafranca e a vendima na que os rapaces e rapazas do IES Padre Sarmiento de Vilafranca entre vides, cestos e megos incorporaron mesmo ao gaiteiro e a música en directo.


A cuarta foi máis arriscada en canto que era unha versión con luz negra do poema A Ponferrada que representou  precisamente o alumnado do IES Virxe da Encina desta cidade con muito éxito logrando manter o lirismo evocador dos versos de Morales.



Pecharon cunha lectura dramatizada dos versos  Na volta da sega  con frescura e ton apropiados por parte de tres alumnos da Escola Oficial de Idiomas de Ponferrada que fixeron o esforzo de colaborar como teñen xa feito outros anos cos intercambios.



 A segunda das sesiois das Xornadas deseñada para unha numerosa representación dos alumnos/as de Primaria dos distintos centros da comarca que imparten o Programa de galego comezou cunha actuación subvencionada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta. As Cantarolas pra xente miúda de Senén Vaamonde interpretadas por dous membros do grupo a Roda enchendo ce cánticos e alegría o Teatro Vilafranquino.




Para rematar esta sesión matinal  interviñeron,  o alcalde de Vilafranca como concello anfitrión das Xornadas que lembrou o nacemento do Padre Sarmiento motivo polo cal se levan a cabo en Vilafranca cada nove de marzo, Tamén interviñeron as autoridades educativas de Castilla y León e de Galicia presentes, O Director de Recursos Humanos da Consejería de Educación, Jesus Hurtado Olea que anunciou a ampliación de centros que impartirán o Programa de galego para o próximo curso e o Secretario Xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García Gómez, que manifestou o seu compromiso de colaboración cos actos que se van realizar sobre Morales no Bierzo e en Galicia.




Estas xornadas demostraron nestas dúas sesiois que o Programa de promoción de galego manten o seu vigor a pesar de estar pasando por certas dificultades asociadas tanto á incidencia do índice de natalidade como á problemática aplicación da LOMCE e as incógnitas sobre o seu futuro como recoñeceron as autoridades educativas e os representantes políticos que nos acompañaron e que foron ademais do alcalde de Vilafranca, o seu concelleiro de Cultura e a súa tenente alcalde, o Presidente do Consello Comarcal, a Inspectora de Educación para o programa de galego no  Bierzo Rita Monteserín, o Director Provincial de Educación de León, Tamén se desprazaron desde Valladolid distintos membros dos gabinete da Consejería de Educación con Jesús Hurtado á cabeza e da Xunta de Galicia estivo presente ademais do Secretario Xeral de Política Lingüística a súa Subdirectora Lourdes Batán, unha nutrida representación que se ampliou na sesión da tarde das Xornadas.

Na sesión da tarde destinada ao debate, a denominada a mesa das arelas de Sarmiento, este ano concretou o catálogo de propostas para os novos espazos para o galego no Bierzo  no 2017 abordando aspectos referidos á educación, á cultura, á administración, aos medios de comunicación e á literatura.

Esta última serviu como fío condutor para a elaboración dun decálogo que á calor do bicentenario de Antonio Fernández Morales propoña iniciativas e actuaciois nos ámbitos anteditos. O coordinador da Comisión Cultural Martín Sarmiento anunciou así que o próximo mes de setembro, días 15,16 e 17 no que xunto con outras entidades bercianas e a Academia Galega se realizará un Simposio sobre o autor do bicentenario.
No ensino o anuncio dunha ampliación para o curso 2017-18 da oferta de do Programa de promoción do galego no CRA de Cubillos do Sil por parte do Director de recursos humanos da Consejería de Educación da Junta de Castilla y León na sesión matinal, veu acompañado dunha reclamación histórica como é a de incorporar tamén ao centro da Veiga de Valcarce, solicitude que argumentou o alcalde de Balboa, Juanjo López. Neste sentido houbo diversas intervenciois como a da Inspectora de Educación para o Programa de promoción e a Directora do CRA de Cubillos do Sil. Tanto a Secretaria Xeral de Política Lingüística como o Consello Comarcal, que vai a asistir á proxima reunión de seguimento do Programa que terá lugar en Compostela, tomaron nota da proposta de que os alumnos/as que cursen toda a Primaria na optativa de galego poidan opter o CELGA 1 como incentivo á fidelidade e facer máis doado o paso á Secundaria. Tocouse tamén a problemática da matriculación en Secundaria, onde o Programa evidencia maiores carencias que precisan unha urxente solución como son a oferta fóra do horario lectivo no Bacharelato que segue a impedir un maior número de alumnos/as. Segue habendo centros de Primaria que carecen de centros adscritos de Secundaria que ofrezan a posibilidade de matricularse en galego como ocorre en Camponaraia. Valorouse como unha boa iniciativa e moi positiva, polo tanto que se debe manter, a da inclusión no sobre de matrícula dun folleto informativo sobre o Programa, unha publicidade que asumiu a Secretaría Xeral de Política Lingüística e que se fixo realidade xa no presente curso, outro pequeno paso dado no que se insistira nas Xornadas do ano pasado. Como conclusión estimouse necesario unha revisión no momento en que se disipen as néboas que rodean o futuro da LOMCE coa perspectica de cumprir os requerimentos da Carta europea de linguas rexionais e minoritarias. Finalmente valorouse como mui positivas a matriculación na Escola Oficial de Idiomas para as probas dos CELGA e propúxose que se puidesen realizar tamén na EOI de Ponferrada cursos preparatorios destas probas.

Outro dos temas sobre os que se debateu foi a necesidade de que no presente ano se fagan realidade algunhas das propostas que o ano pasado se puxeron enriba da mesa en canto á colaboración institucional entre a Xunta e o Consello Comarcal (ambas instituciois presentes no encontro). Os compromisos sobre os que se van dar os primeiros pasos serían:
- A creación da versión da páxina web do Consello Comarcal en Galego.
- A posibilidade da creación dunha ventá única da Xunta de Galicia no Consello Comarcal.
- A edición de folletos turísticos en galego.
- A colaboración para a celebración do bicentenario de Antonio Fernández Morales.

Os distintos alcaldes presentes de Balboa, Carucedo, Corullón, Cacabelos e Vilafranca manifestaron a súa vontade de colaborar coa posta en marcha destas propostas. De feito Juanjo López o alcalde de Balboa expuxo o modelo de circuitos culturais que se realizan dende hai xa varios anos no seu municipio ( Balboa , Pumarín) como unha iniciativa que se pode ampliar e estender a outros núcleos de poboación, mesmo coordinar contando coa posibilidade e o interese por colaborar de distintos colectivos musicais e culturais galegos como ocorre no seu caso.  Luís Arias explicou brevemente as iniciativas denominadas "mil cireixais" e "mil castañeiros" que se levan a cabo en Corullón e como o uso da lingua para estas e outras iniciativas son parte substancial do día a día no seu concello.
O alcalde de Carucedo, Alfonso Fdez Pacios,  manifestou o seu interese por recuperar a toponimia local e tradiciois e costumes de vello como os fiandois, dúas propostas que teñen pensado abordar a curto prazo, de feito o grupo Médulas que fixo tamén unha relación de actividades que pretende realizar ao longo do ano sinalou a posibilidade de realizar un fiandón ao estilo de Morales que ben podía ser en Carucedo. Os alcaldes de Vilafranca e Cacabelos, así como tamén o Instituto de Estudios Bercianos (IEB) xunto coa a Academia acordaron poñerse de acordo para a realización do Simposio do bicentenario en setembro e algunhas actividades previas ás que tamén se suma o Grupo Médulas e entre as que están unha exposición de traballos creativos relacionados cos versos de Morales.






Ningún comentario:

Publicar un comentario