sábado, 15 de xullo de 2017


DOS CANTORES DO BIERZO DO XIX E DO ECO NOS SEUS BICENTENARIOS

Na vida cultural e literaria do Bierzo hai algo que aínda segue sen normalizarse, unha asignatura pendente  por parte das administraciois e, como consecuencia, unha carencia enorme da cidadanía. Como todo berciano/a deberíamos saber que hoxe 15 de xullo Enrique Gil cumpriría 202 anos ou polo menos  estar ao tanto de que estamos no ano no que o cantor da nosa comarca en galego, que el denominou dialecto berciano, está de bicentenario. Fagamos unha proba do algodón para comprobar a ausencia desa normalidade que reclamamos.
É unha lamentable torpeza  que a Fiesta da poesía se siga celebrando en Vilafranca só uns días antes da data do nacemento nesta vila do maior poeta, crítico teatral e novelista  dos que naceron nela en lugar de facela coincidir co aniversario de Gil.  Aqueles ínclitos  fundadores desta longa tradición de eventos líricos denominados Fiesta de la poesía na Compostela berciana, pouco tiveron presente ao fillo máis destacado das letras vilafranquinas e bercianas. Tampouco hoxe na súa vila natal, nin na máis poboada Ponferrada, menos aínda en Bembibre, nin o Consello Comarcal, ninguén vai lembrar ao autor romántico da comarca máis destacado no día do seu aniversario, ese que hai tan só dous anos tal día como hoxe celebraba o seu bicentenario por todo o alto. Tal vez nas redes  a Biblioteca que leva o seu nome ou en Facebook exista unha fugaz referencia a este día.   
 Non nos estrañe. Tampouco este ano 2017 os políticos e concelleiros de cultura de turno se teñen preocupado en difundir  adecuadamente  a outro dos nosos grandes escritores.  A saúde cultural e literaria dos bercianos , non é excelente, nin tan sequera boa. Os que deben administrar aos seus concidadáns  coidadas doses cargadas de vitaminas das letras  e, ao longo do ano, unha información suficiente para combater a grave enfermidade do esquezo patrimonial que sufrimos non están a facer os seus deberes.  Ou non é verdade que un autor como Antonio Fernández Morales segue sendo un auténtico descoñecido para a gran maioría dos habitantes da bisbarra no ano do seu bicentenario?
No tan cacareado Bierzo turístico que se vende polo Camiño de Santiago adiante, en vallas publicitarias en prensa, radio e televisión non se fan eco  nin de Enrique Gil, que está hoxe de aniversario,  nin de Morales. Menuda defensa do patrimonio literario,  que falta de estratexia publicitaria elemental.  Acaso teñen unha entrada permanente, por humilde que sexa, que lles faga xustiza, que honre a memoria coa dignidade debida a estes dous autores na páxina oficial do noso Consello Comarcal ou en calquera dos municipios Cacabelos, Vilafranca, Ponferrada ou Bembibre?  Nada de nada, poden comprobalo. E non é cuestión de cartos, colgar uns versos, unha breve biografía e un par de fotografías non ten custe algún para as arcas públicas tan cobizadas. É a carencia ou precariedade cultural  nas que nos tocou vivir.
Ninguén se fai eco hoxe en castelán de Enrique Gil,  ben ante a súa tumba recentemente estreada  aos  pés dos restos dos verdadeiros Condes de Lemos, ben en Cornatel ou no castelo templario orgullo de Ponferrada ou nin tan sequera no teatro do que foi fundador e que desde hai dous anos leva o seu nome na súa vila natal. Algo tan triste e desolador como a melancólica vida dos seus senlleiros personaxes D. Álvaro e Dona Beatriz. O máis importante novelista do romanticismo español que incorporou no século XIX  a súa terra, o Bierzo, á república universal das letras no idioma de Cervantes. Hoxe non se celebrará nin un pobre acto oficial que o lembre na súa terra.  Pero ese poeta, iso si e a pesar de todo, tivo a sorte de teren ao longo do século XX, brillantes seguidores do seu ronsel: Carnicer, Pereira, Mestre...    
 Tampouco nos estraña que nestes tempos orfos de cultura,  Antonio Fernández Morales que de sempre estivo  nun terreo abisedo , á sombra de Enrique Gil estea un ano máis , precisamente no do seu bicentenario, moi afastado da gloria merecida, esa que lle tocaría estar disfruitando pola ousadía de facer literatura culta coa fala popular das xentes humildes da nosa terra, usando a paisaxe natural e humana  do Bierzo, a flora e a fauna, os produtos e costumes que nos procuran identidade desde hai séculos. Non hai mellor cantor do Bierzo labrego tradicional.   O reto que nos legou é tan grande como o baleiro que existe entre os autores bercianos/as do século XX para manter viva esoutra literatura berciana en galego que dalgún xeito inaugurara Sarmiento e que no XX tamén presenta cultivadores, menos coñecidos, claro está, como González –Alegre ou Aquilino Poncelas.
Estamos reclamando ás autoridades no Bierzo espazo para Morales e a literatura en galego no seu bicentenario, quixeramos que como foi un revulsivo para a difusión de Enrique Gil o ano 2015, este 2017 acabe sendo un antes e un despois para a divulgación do autor dos Ensayos Poéticos en dialecto berciano. Acabamos de realizar polo impulso da sociedade civil un importante evento o pasado 17 de xuño en Cacabelos , estamos preparando para o mes de setembro actos en Ponferrada, Vilafranca e Cacabelos que esperemos contribúan convenientemente  a esta meta de facer máis visible e cultivar o patrimonio das letras no Bierzo.
O eco lángido de Gil e de Morales, aínda así segue vivo. Sirvan estas palabras para lembrar o reto que supón  para todos administradores e administrados a súa plena incorporación á vida cultural normalizada do Bierzo. Fagamos os nosos deberes, a pesar de que se nos pase por alto algunha data de aniversario como a de hoxe.  


Héctor Silveiro Fernández, académico correspondente polo Bierzo na Academia Galega.

Ningún comentario:

Publicar un comentario